Reclaman o dereito ao esquecemento oncolóxico
A Fundación Josep Carreras denuncia que España, Malta e Islandia son os únicos países da Unión Europea en que as aseguradoras poden solicitar a historia clínica do paciente
Moitos pacientes que superaron completamente o cancro hai máis de 5 anos atópanse con que os bancos lles denegan os préstamos ao saber que tiveron cancro
Persoas que superaron unha enfermidade oncolóxica teñen problemas para acceder a produtos bancarios como créditos, hipotecas... Moitas veces trátase de xente nova e que leva curada máis de 5 anos, segundo o informe da Fundación Josep Carreras, e para quen as dificultades para contratar este tipo de produto supoñen un inconveniente importante para as súas vidas.
"O 47 por cento destes pacientes enquisados para o noso estudo afirmaron que tiñan dificultades á hora de solicitar un préstamo, o 70 por cento ao pedir un seguro de decesos e máis dun 80 por cento cando trataba de contratar un seguro de vida. Moitos dos produtos financeiros van supeditados a un seguro de vida e este non lles é concedido polos seus antecedentes oncolóxicos", relata Alexandra Carpentier de Changy, responsable do Programa de Experiencia do Paciente da Fundación Josep Carreras contra a Leucemia.
É un problema que a Unión Europea insta a España a corrixir na súa lexislación.
"España, Islandia e Malta son os únicos tres países de Europa que non teñen unha regulación blindada para o paciente oncolóxico no acceso aos produtos financeiros. Europa insta estes tres países a garantir este dereito ao esquececemento oncolóxico antes de 2025. Ao final é unha cuestión de discriminación", explica Alexandra Carpentier, da Fundación Josep Carreras.
Discriminación que sofren tamén no acceso a seguros médicos e mesmo na recuperación da súa vida laboral. Eivas que as asociacións de pacientes instan as autoridades a corrixir.