Unha vacina de ARNm contra o cancro de mama abre novas expectativas para loitar contra a enfermidade
Unha vacina de ARNm contra o cancro de mama abre novas expectativas para loitar contra a enfermidade
O ensaio de BioNTech aínda está en fase 1, pero a noticia celébrana xa nos hospitais e nas asociacións de pacientes
Está dirixida á tratar un dos subtipos máis complicados, o cancro de mama triplo negativo, pero aínda non se comercializa
A nova vacina sae dos laboratorios de BioNtech, con tecnoloxía de ARN mensaxeiro. Aínda non chegou aos hospitais porque faltan os últimos estadíos da investigación. O estudo está en fase 1 e deu bos resultados no ensaio con catorce pacientes reais. Un simple inxectable lograría que as pacientes con cancro de mama triplo negativo, xa operadas, preparen o seu sistema inmunitario para evitar recaídas.
"A vacina o que fai espertar e estimulas as defensas. É moi necesario no caso do triplo negativo, e sería un tratamento moi bo", explica Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS e presidente de ASEICA.
É unha nova que celebran tamén nas asociacións de pacientes.
"Recibimos informacións que nos din que están investigando, neste caso co sistema ARNm que tanto nos sona desde a covid. Está é unha vacina que aínda non está dispoñible para usar, pero estamos contentas porque isto é un camiño, e amosa o importante que é a investigación en todas as fases", declara María José Rodríguez, a secretaria da Asociación de Usuarios e Pacientes de Oncoloxía do CHUS.
É un camiño iniciado xa con outra vacina convencional, que si se usa xa nos nosos hospitais -en fase de ensaio- noutro subtipo de cancro de mama, o HER 2.
"As vacinas teñen a vantaxe de que son menos tóxicas e eliminan o inimigo dunha forma máis limpa. Se algunha célula tumoral escapara, teñen recordo, e os leucocitos segundo a descobren atácana de novo", di o doutor López.
Se houbese células indetectables poden favorecer a recaída, as vacinas poñen o noso sistema inmune a traballar para evitalo.