O Ministerio de Sanidade estuda adiantar aos 45 anos a primeira mamografía preventiva
Piden unha reunión urxente porque "18 mulleres morren ao día por cancro de mama metastásico"
Sanidade lembra que o cribado sistemático en mulleres menores de 40 non se recomenda e salienta que as que están en grupos de alto risco teñen un seguimento especial, sen ter en conta a idade
Acto de entrega de sinaturas no Ministerio de Sanidade. Change.org
Sanidade estuda que as mulleres se sometan a unha primeira mamografía preventiva aos 45 anos de idade.
Fontes do ministerio lembraron a Europa Press que, na actualidade, a súa recomendación é que se realicen estas probas a mulleres de entre 50 e 69 anos, cunha periodicidade de dous anos no sistema público de saúde, unha medida apoiada pola evidencia científica dispoñible. Aínda así, precisaron que se está estudando a posibilidade de que esa primeira mamografía se faga xa aos 45.
Desde o Ministerio de Sanidade precisaron que "o cribado sistemático en mulleres menores de 40 anos non se recomenda de forma xeral na poboación". Segundo explicaron, os criterios de saúde pública que utiliza o Ministerio establecen que estes controis deben aplicarse só cando existe un equilibrio favorable entre beneficios e posibles riscos.
Beneficios máis limitados en idades por debaixo dos 40, segundo o ministerio
Neste sentido, explicaron que, en idades máis novas, a incidencia do cancro de mama é menor e a eficacia do cribado poboacional non está tan claramente demostrada, polo que o beneficio global resulta máis limitado.
Ademais, apuntaron que iniciar as mamografías de forma xeneralizada a idades moi temperás podería aumentar a probabilidade de falsos positivos, probas diagnósticas adicionais ou sobrediagnóstico, o que pode xerar intervencións innecesarias e ansiedade nas pacientes.
Sanidade puntualizou que as mulleres con alto risco individual poden requirir un seguimento diferente. En casos como antecedentes familiares importantes ou predisposición xenética, a avaliación e as probas de detección realízanse de forma individualizada, fóra do programa de cribado poboacional. Desta maneira, adáptase a vixilancia ao nivel de risco de cada persoa.
Acto de entrega de firmas
Fontes de Sanidade referíronse a este asunto tras a entrega este mércores no ministerio de 65.000 firmas para esixir que se adiante a idade de inicio da primeira mamografía aos 40 anos. A promotora desta iniciativa foi María Varela, unha galega de 43 anos con cancro de mama metastásico.
"Hoxe é un día moi importante dun camiño que espero que sexa curto. Porque non hai nada mellor que celebrar, desde o meu punto de vista, o Día da Muller con adiantar os cribados de cancro de mama. Porque a prevención salva vidas", destacou Varela en declaracións aos medios antes de proceder ao rexistro.
Varela iniciou a recollida de firmas o pasado novembro na plataforma Change.org, despois de que lle fose diagnosticado cancro de mama metastásico en estadío IV, sen cura, e por mor de sufrir unha lumbalxia que non cesaba. "Se a min se me collese nun estadío menor, tería posibilidades de tratamento. Tamén podería ter posibilidades de recaídas, pero tería máis posibilidades de sobrevivir", relatou.
Por iso, demanda que se anticipe o inicio das probas para que outras mulleres poidan beneficiarse e que isto se faga da mesma forma en todas as comunidades autónomas e que non dependa do lugar de residencia. Na maioría de comunidades, estas probas comezan aos 50 anos, en liña coas recomendacións do ministerio, aínda que algunhas xa as adiantaron aos 45.
María Varela acudiu ao ministerio acompañada doutras tres mulleres que foron diagnosticadas con cancro de mama antes dos 50 anos.
18 mulleres morren o día de cancro de mama metastásico
Segundo explicou Varela, o Ministerio de Sanidade accedeu a reunirse con elas, pero non teñen unha data fixada, polo que confían en que o acto simbólico deste mércores sirva para exercer presión.
"Non podemos esperar máis tempo, necesitamos unha reunión urxente, porque 18 mulleres morren ao día de cancro de mama metastásico. Entón, nós non temos tempo, isto urxe", subliñou.
Varela informou de que o seguinte paso será contactar cos gobernos das comunidades autónomas para presentarlles a petición. Segundo destacou, o Concello da Baña, o municipio da Coruña onde reside, secundou a iniciativa.
A campaña de recollida de sinaturas en change.org segue aberta.