Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Radio Galega faise multiplataforma coa estrea dun estudio visual

A Radio Galega faise multiplataforma coa estrea dun estudio visual

O novo estudo estréase ás 10:00 h do martes  

A emisora producirá o 80 % da emisión diaria en directo desde este estudo   

Está acondicionado para emitir e gravar concertos, acoller público e para proxectos en novos formatos

G24.gal 28/03/2022 17:06 Última actualización 29/03/2022 10:30

No marco da conversión dixital da CRTVG, a sede central da Radio Galega en San Marcos (Santiago) estrea este martes un novo estudio multimedia co que os medios públicos fortalecen a converxencia definitiva entre radio, televisión e Internet e desde o que a RG emitirá o 80 % da súa emisión diaria en directo. Deste xeito, a Radio Galega será multiplataforma, con emisión en imaxe para radiogalega.gal, YouTube da CRTVG e Facebook Live nun estudio especialmente deseñado para esta tarefa.

Desde agora, os programas de Radio Galega poderán ser emitidos en directo ou diferido por Televisión de Galicia ou en calquera das canles dixitais da CRTVG en calidade broadcast desde un espazo creado ad hoc. Ademais, este estudio está acondicionado para a emisión ou gravación de concertos, para acoller público e para atender proxectos en novos formatos, que combinen audio e imaxe, así como a tendencia actual de distribución de contidos de entretemento en plataformas dixitais, Twitch, por exemplo, cun deseño dinámico e fluído.

A estrea será mañá martes, coa emisión do ‘Galicia por diante’ (10:00 a 14:00 h) a través dos medios dixitais e cunha programación especial durante toda a xornada, na que, ademais, a RG celebra o seu 37º aniversario.

O ‘Galicia por diante’ ofrecerá, entre outros contidos, unha reportaxe sonora sobre estes 37 anos de historia e unha entrevista co deseñador do espazo, Ángel Amaro. Así mesmo, Kiko Novoa entrevistará a xefa de Programas da emisora pública, Tania Fernández Lombao, quen explicará as posibilidades que supón a posta en marcha do novo espazo.  O programa tamén dará voz, nunha mesa de faladoiro, a profesionais históricos de todas as emisoras de Galicia, que conversarán sobre o futuro da radio e a importancia da RG no sistema de medios galego.

Ademais do ‘Galicia por diante’, estrearán tamén o novo estudio multimedia os espazos ‘A crónica-Faladoiro’ que se emitirá tamén través de radiogalega.gal e na canle YouTube (22:00 a 23:00 h.); e na G2, de 22:30 a 23:00. E, de madrugada, o ‘Pensando en ti’ de Marcial Mouzo (1:00-6:00 h.), que se emitirá integramente en televisión pola G2 e polos medios dixitais (radiogalega.gal e a canle de YouTube de TVG). Isto súmase á emisión actual na TVG doutros espazos radiofónicos como ‘A bóla extra’ nas mañás da primeira canle, o faladoiro de ‘A crónica’ na G2 e o ‘Pensando en ti’ tamén na G2. Os tres espazos pasan a producirse agora no novo estudio.

A Radio Galega avanza deste xeito a súa estratexia de conversión dixital, que a levou a finais de 2021 a estrear a nova plataforma de podcasts https://radiogalegapodcast.gal/, tamén dispoñible desde hai unhas semanas en Spotify e en iTunes, e coa que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia. Chegar a todos os públicos nas canles onde se atopan é o obxectivo da CRTVG, para o cal se achega, desde a radio e a televisión ás novas linguaxes, ás novas canles e á innovación tecnolóxica, complementando a comunicación e diálogo cos públicos da Corporación nas redes sociais e portais web.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade