O acusado polo crime de Coia di no xuízo que non pretendía matar a súa vítima
Asegura que pretendía dispararlle no ombro cando o estaba ameazando cun machado
Os peritos atoparon no seu móbil vídeos e mensaxes ameazantes da vítima nas semanas previas
Non quería matalo, e está moi arrepentido. Foi a principal mensaxe que deixou o acusado polo crime de Coia na terceira xornada do xuízo. Explicou que a vítima era amigo seu desde os 13 anos e que cando ese 6 de abril de 2024 apareceu na súa casa cun machado, fixo un primeiro disparo de advertencia e un segundo co que pretendía alcanzalo no ombro, aínda que acabou dándolle na cara, un dato clave para lograr unha sentenza por homicidio e non por asasinato.
O procesado só respondeu as preguntas do seu avogado e pediulle perdón á familia do finado.
Na sesión da mañá, os peritos de criminalística explicaron que a ferida mortal e os restos de chumbo no suadoiro do morto apuntan a que o disparo se fixo a menos dun metro. E os axentes que analizaron o móbil do acusado atoparon mensaxes e fotos ameazantes enviadas pola vítima dous meses antes dos feitos.
Por último, dous forenses acreditaron que o presunto asasino presentaba restos de cocaína, cánnabis e ansiolíticos en sangue. O xuízo remata mañá cos informes finais das acusacións e da defensa. O venres, o xurado popular comezará a deliberar.