Veciños da contorna do CHUS sinalan un incremento do consumo e venda de drogas na zona
A trasfega de toxicómanos e o consumo de heroína nos portais preocupa os veciños
Piden o peche do punto negro de venda de droga que teñen a poucos metros
Di Alberto que a situación se repite con cada vez máis frecuencia. Pingas de sangue e xiringas no seu portal, convertido en acubillo para o consumo de heroína.
"Saes da casa e atopas a un home medio morto, aparvado na porta, con sangue e xiringas no chan. Non é que monten leas, se lles chamas a atención marchan. Pero calquera día pasa algo".
"Eu tentaba entrar no portal e me falaba pero non era quen de articular, non é unha situación cómoda para os veciños".
"Hai bastantes problemas de convivencia porque hai unha trasfega constante na zona. Todos sabemos que van mercar a droga moi preto do hospital, a unha zona que lle chaman o banco do pobre", din uns veciños da avenida de Bilbao.
A proximidade con este punto negro de venda de droga na cidade xera unha constante trasfega de toxicómanos nos barrios que rodean o hospital. Ás queixas dos veciños súmanse as dos comerciantes, que tamén denuncian roubos.
"A min entráronme roubar hai tres anos, tamén lles pasou no restaurante Mera, e na pensión. Hai uns días tamén roubaron na peixaría e tamén rompen os cristais dos coches dos veciños para levar o que atopan dentro", di o xerente dun ximnasio da Avenida de Barcelona.
Piden máis vixilancia policial na zona e que se tomen medidas para acabar coa venda de droga no barrio.
"A policía sabe coma nós onde lles venden a droga, é un delito, que pechen iso xa".
"Se se van a outra zona da cidade que vaian, nós levamos 20 anos con este problema".
"Cómpre facer unha intervención xa, o Concello ou quen sexa. É moi lamentable ver o estado no que están, son moi novos e a droga vai acabar con eles".
"Tamén deberían facer programas de intervención social para os toxicómanos, que son enfermos e, en moitos casos, non teñen oportunidades para saír da situación", piden algúns veciños.
Din que levan moitos anos padecendo o problema e ninguén pon solucións. Afirman que, lonxe de ir a menos, a droga avanza na zona, e cada vez os toxicómanos son máis novos.