Veciños de Lugo denuncian que levan oito anos convivindo cun narcopiso
Os veciños denuncian as molestias que lles ocasionan os toxicómanos nas zonas comúns, onde se drogan e fan as súas necesidades
Os residentes nun edificio da avenida da Coruña, en Lugo, denuncian que levan xa oito anos vivindo un auténtico inferno. O motivo é a existencia dun suposto narcopiso, ao que acoden constantemente persoas drogodependentes. Segundo aseguran, consomen e fan as súas necesidades nas zonas comúns do inmoble, coas conseguintes molestias para os veciños.
Ante o calvario que están a vivir, os afectados instalaron cámaras na entrada e limitaron o acceso ao ascensor. Así e todo, estas medidas resultan insuficientes para garantir a súa seguridade, polo que demandan que as autoridades tomen cartas no asunto.
A policía xa interveu en diversas ocasións no presunto narcopiso, que chegou a ser rexistrado en maio de 2025. Daquela, os axentes comisaran importantes cantidades de droga e detiveran dúas persoas, que quedaron en liberdade tras prestar declaración no xulgado.