Queixas en Vilagarcía por filtracións de pluviais que danan un edificio
Os residentes aseguran que aumenta o risco de afectación á estrutura do inmoble
A calzada da travesía do Barrio Novo, en Vilagarcía, reflicte o camiño que segue a auga cara á arqueta próxima a este edificio con vivendas a catro portais. O problema, denuncian os residentes, é que gran parte da auga da chuvia, en vez de ir por unha canalización, acaba filtrándose aos cementos do inmoble.
Pilar vive na parte do edificio máis prexudicada: "Levamos ano tras ano con esta historia. Este ano como choveu tanto, toda a auga que baixa por aquí acaba enchendo o soto, porque debe estar mal a canalización soterrada".
Para probalo, Pilar e Herminia, dúas das residentes, amosan imaxes do asolagamento que tiveron estes días pasados de chuvia abundante e que presentaron no Concello.
"Aí baixa tanta auga, á parte do manancial que hai, que filtra todo para dentro. Viñeron arranxar a tubaxe, pero mentres non a levanten toda e a substitúan por unha nova estaremos sempre na mesma. Neste portal temos a sorte de que a auga entra por un lado e sae por outro".
Afirman que o Concello de Vilagarcía ata o de agora o que fixo foi poñer parches. Mentres, aumenta o risco de afectación á estrutura do inmoble.
"Eu non sei, pero me parece que non é moi normal que as cimentacións teñan esa auga continuamente", di Herminia. E Pilar incide en que "é a auga. Os cementos vanse debilitando, vanse carcomendo... como adoitamos dicir".
O problema que teñen estas veciñas de Trabanca Sardiñeira vén de vello. Motivo de máis, engaden, para que os responsables municipais o afronten sen máis demora.