Decretado o nivel dous de emerxencia por un incendio declarado este luns na Pobra de Brollón
Comezou en Abrence, na Pobra, e avanza cara os núcleos de Golmar, tamén na Pobra, Conceado e San Pedro, en Quiroga
As lapas obrigaron a interromper a liña de tren entre Monforte e Ponferrada
O incendio de Avión, declarado este domingo, arrasa xa 90 hectáreas
Continúa activo tamén o lume en Pena Trevinca, que calcinou unhas 4.700 ha
Activan o nivel dous de emerxencia por un incendio que comezou este martes na Pobra do Brollón.
O incendio comezou no lugar de Abrence e avanza cara Quiroga.
Nestes momentos pon en perigo os lugares de de Golmar, tamén na Pobra, e as aldeas de Conceado e San Pedro, en Quiroga.
As lapas obrigaron a interromper a liña de tren entre Monforte e Ponferrada.
Debido a la presencia de un incendio próximo a la vía se encuentra interrumpida la circulación entre San Clodio Quiroga y Pobra de Brollón, de la línea Monforte de Lemos-Ponferrada.
— INFOAdif (@InfoAdif) August 25, 2025
O incendio de Chandrexa de Queixa, co que arrincou a vaga de lume en Galicia o pasado 8 de agosto e que arrasou 19.000 hectáreas, foi estabilizado este luns, tras o que permanecen activos só dous incendios, ambos na provincia de Ourense.
"Acabamos de coñecer a estabilización do grande incendio de Chandrexa, o primeiro dos grandes incendios que tivemos nas últimas semanas", anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións en Oia onde visitou unha das zonas afectadas polo lume.
O incendio de Chandrexa, que esta mañá só mantiña activo o foco de Vilariño, chegou a ser durante uns días o máis grande da historia de Galicia, ata que o superou o de Larouco, estabilizado o pasado sábado tras queimar 30.000 hectáreas.
Con iso, só permanecen activos en Ourense os incendios de Avión-Nieva, declarado a tarde do domingo e que arrasou 90 hectáreas, segundo o último balance de Medio Rural, e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que entrou desde Porto de Seabra (Zamora) e calcinou 4.700 hectáreas na zona de Pena Trevinca, o cumio máis alto de Galicia.
"Esperamos que canto antes poidan pasar a situación de estabilizados e controlados e extinguidos", dixo Rueda.
Seguen estabilizados os de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha), A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha).
En situación de controlado están os incendios de Maceda (3.500 ha), Vilardevós-Moialde (600 ha), Montederramo-Paredes (120 ha), Riós-Trasestrada (40 ha), Riós-Fumaces e A Trepa (100 ha), Carballedo- A Cova (100 ha) e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (70 ha).
A vaga de incendios que empezou o 8 de agosto en Galicia arrasou máis de 92.000 hectáreas, segundo os datos de Medio Rural, que só informa dos de máis de 20 hectáreas ou que afectan espazos protexidos.
A Xunta mantén activa a situación 2 en toda a provincia de Ourense, aínda que non se realizaron novos confinamentos nin evacuacións.