Publicador de contidos

Publicador de contidos

Que non lle chamen xustiza fiscal, por María Bastida

OPINIÓN

Que non lle chamen xustiza fiscal, por María Bastida

María Bastida 08/04/2026 08:14

O Goberno atopou unha forma particularmente eficaz de subir impostos sen anuncialo: deixar que a inflación faga o traballo sucio. Non fai falta aprobar unha gran reforma fiscal, nin explicar un endurecemento do IRPF nin asumir o custo político de dicir aos cidadáns que van pagar máis. Basta con non axustar o imposto mentres os salarios nominais soben.

Iso é exactamente o que está a ocorrer. Se os soldos aumentan para compensar, aínda que só sexa en parte, o encarecemento da vida, pero o IRPF mantén conxelados os seus parámetros básicos, o contribuínte acaba pagando máis malia non ser máis rico. Non estamos a falar dunha mellora de capacidade económica, senón dunha ilusión monetaria. Cóbranse máis euros, pero non necesariamente se vive mellor. E, con todo, Facenda entra a cobrar coma se ese incremento nominal fose unha ganancia auténtica. Aí está a trampa. E aí a inxustiza.

Porque unha cousa é que un sistema tributario sexa progresivo e outra moi distinta é utilizar a inflación para empuxar os contribuíntes cara a unha maior carga fiscal. A progresividade ten sentido cando grava unha capacidade económica real. O que non ten sentido é converter en máis renda o que en moitos casos non é máis que unha compensación parcial por perder poder adquisitivo. O máis irritante de todo é a asimetría do discurso. Cando se fala de ingresos públicos récord, preséntase como un éxito de xestión. Cando se sinala que unha parte dese aumento procede precisamente de deixar correr o efecto da inflación sobre o imposto, entón aparecen as escusas, os tecnicismos e as medias verdades. A inxustiza vólvese aínda máis clara cando se mira desde a economía doméstica e non desde a caixa do Estado. Para unha renda media, 250 ou 300 euros ao ano son unha factura, varios recibos, unha parte do gasto escolar, combustible, alimentación ou aforro que desaparece. E faino, ademais, nun contexto no que os fogares levan anos encaixando unha combinación durísima de vivenda, servizos e consumo básico máis caro.

Tampouco vale a escusa de que deflatar sería facer un agasallo aos ricos. Ese argumento é intelectualmente pobre e politicamente tramposo. Corrixir a inflación non elimina a progresividade do imposto. O que fai é evitar que o sistema grave como riqueza o que só é inflación. Quen máis gana seguirá pagando máis. Quen ten máis capacidade económica seguirá soportando unha maior carga. O único que desaparecería sería esa sobrerrecadación encuberta que permite ao Goberno ingresar máis sen recoñecer que está a endurecer de feito a presión fiscal.

Porque, ao cabo, diso falamos. De chamar ás cousas polo seu nome. Que non lle chamen responsabilidade, progresividade ou xustiza recadatoria. É, simplemente, unha inxustiza fiscal disfrazada de normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade