Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os psicólogos axúdanlles aos achegados a xestionar o dó

Os psicólogos axúdanlles aos achegados a xestionar o dó

Nos centros traballan para que os cativos poidan asimilar os procesos de dó e expresar os seus sentimentos

G24.gal 27/10/2022 14:11

En traxedias coma a do instituto Julio Prieto Nespereira, en Ourense, é fundamental o apoio de psicólogos aos familiares e tamén aos compañeiros da vítima e a toda a comunidade educativa. Nos centros traballan para que os cativos poidan asimilar o sucedido e expresar os seus sentimentos.

A volta ás aulas forma parte dese protocolo para os centros educativos. Alí os psicólogos asesoran os profesores para abordar o dó cos alumnos. José Ramón García é psicólogo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, e apunta que volver ás aulas pode ser bo: "manter a rutina axuda a normalizar as cousas. Podemos facer unha homenaxe, falar do falecido, das medidas de seguridade ou de como nos sentimos e como programar a despedida". 

Unha idea que comparte o psicólogo Daniel Novoa que explica que "pasar en comunidade o dó pode ser unha boa maneira de diminuír un pouquiño ese sufrimento. Normalizar chorar, expresarse, e que haxa algún adulto que limite calquera burla, é fundamental".

O 112 conta cun convenio co Colexio de Psicólogos de Galicia para actuar nestas situacións. En casos coma este piden respecto para os achegados e que o centro sexa un lugar onde poidan expresarse. "Ter algún tipo de recordo do rapaz e poder falar do que sentiron e viviron, darlles protagonismo aos compañeiros, axuda a normalizalo", aconsella José Ramón García. Novoa matiza que "darlle a oportunidade de expresarse é bo, pero tamén hai que saber adaptarse á diversidade da aula".

Os psicólogos non marcan tempos límite para as súas intervención e mantéñense mentres os precisen. Uns 40 profesionais forman parte do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade