Papaventos no ceo da Coruña para visibilizar os problemas de saúde mental
Con esta iniciativa, a Fundación Salma demanda máis recursos para a prevención e a atención sanitaria
O Día Mundial da Saúde Mental puxo o foco no benestar emocional da poboación infantil e xuvenil
A Fundación Salma reclama máis profesionais en saúde mental para reforzar a prevención e garantir unha atención especializada no sistema público, que actuamente conta con doce psiquiatras por cada 100.000 habitantes, moi por baixo da media europea.
Soltamos corda e deixamos que o aire guíe o voo colorido e alegre dos papaventos, que este domingo cumpren cunha función reivindicativa no ceo da Coruña.
"As familias que temos persoas con graves problemas de saúde mental seguimos estando invisibilizadas e isto pareceunos unha forma bonita de quitarlle un pouco do ferro e da dor que arrastramos e visibilizalo", explica Ana González, presidenta da Fundación Salma.
Queren que miremos de fronte unha realidade que afecta a máis do 30% da poboación española e insisten na necesidade de reforzar a prevención e os recursos sanitarios para dar resposta a unha demanda asistencial cada vez maior.
"Sempre foi a cincenta da Sanidade. Agora vivimos un momento no que a sociedade está tomando conciencia da problemática e demandando máis recursos", di Fernando Iglesias, un psiquiatra xubilidade que acudiu á cita coa súa neta.
Os papaventos evocan a infancia, e precisamente ao benestar emocional dos máis novos dirixiu a mirada o Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro.
"Os datos dan calafríos. Segue sendo unha das principais causas de morte entre os 15 e os 29 anos e a ideación suicida en menores de doce anos está xa no 7,5%", afirma a presidenta de Salma.
Segundo a OMS, o 14% das persoas de entre 10 e 19 anos afronta algún trastorno de saúde mental.