Protesta veciñal en Ourense: "Non queremos un muro de Berlín no Peliquín"
Está prevista a eliminación do paso a nivel e a construcción dun muro de formigón polo AVE
Os veciños propoñen a creación dun paso subterráneo para peóns e turismos
Os veciños do Peliquín piden solucións. O ADIF ten proxectada a eliminación do paso a nivel que comunica o barrio co resto da cidade. Temen quedar illados e sen acceso aos servizos que de sempre tiveron ao outro lado da vía do tren.
"Quedamos illados de todo o 21, da parroquia, dos comercios, do supermercado e mesmo da propia estación do tren".
"É un gran prexuízo, sen o paso hai que dar unha volta moi grande, quedamos incomunicados".
Como alternativa está prevista a creación dunha pasarela peonil elevada a uns 200 metros do cruzamento. Pero esta solución non satisfai os veciños, que piden un paso subterráneo polo que tamén poidan pasar os coches.
"O paso alto está ben para peóns pero os coches non van ir polo aire. Teñen que dar unha volta grande por unha estrada estreita e perigosa".
"Teñen que poñer un paso subterráneo que comunique os dous barrios".
Amais critican que o proxecto do AVE contemple a creación dun muro de illamento acústico feito con formigón e duns sete metros de altura. Consideran que hai solucións máis integradoras coa paisaxe.
"Non queremos un muro como o de Berlín no Peliquín, hai outros materais tamén seguros e menos agresivos co ambiente".
"O de Berlín tiña tres metros, este muro vai ter sete, pode ser como a muralla chinesa".
Din que as cartas e reunións mantidas ata o momento non deron ningún froito, e aseguran que non van calar ata ter a garantía de que no Peliquín non terán un novo muro de Berlín.