Prohiben extraer marisco en tres zonas da Ría de Pontevedra por toxinas
O peche ao marisqueo inclúe as zonas 3, 4 e 5 da ría de Pontevedra por toxinas lipofílicas
O Intecmar di que tamén empezan a detectar células de toxina paralizante
As medicións de biotoxinas que realiza acotío o persoal do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar, desvelaron un nivel de toxicidade que levou a prohibir a extracción de moluscos infaunais, entre eles berberechos ou ameixas, en tres zonas:
"Estamos cun episodio de toxina lipofílica que vén afectando os polígonos de mexillón no mes de xuño pero que agora está nos bancos marisqueiros. Pechamos recentemente as zonas 3, 4 e 5 da ría de Pontevedra", afirma Covadonga Salgado Blanco, directora de Intecmar.
Sinala que estamos ante unha incidencia habitual da que, coma adoita pasar, xa alertou o mexillón. Este molusco de cultivo flotante, coa súa enorme capacidade de filtración, é o grande indicador da saúde da auga. Evitar prexuízos ao consumidor é o obxectivo.
Fala de tranquilidade no sector e tamén no consumidor, porque todo o produto que chega ao mercado polos condutos legais ten garantías plenas de salubridade.
"Aí está a garantía do sistema de control, en paralizar a extracción nesas zonas para evitar que cheguen ao mercado produtos que poidan poñer en risco a saúde do consumidor. Evidentemente, é un contratempo. Pero, pola experiencia de anos anteriores, non debería demorar máis de dúas semanas".
Inciden en Intecmar en que as análises están a desvelar algo que non é tan habitual: "Empeza a haber tamén células de toxina paralizante. Hai algunha zona pequena afectada por toxina paralizante. Aí pode estar a diferenza, porque canto ás toxinas lipofílicas é moi fecuente; temos episodios dúas e, se cadra, tres veces ao ano", di a directora.
Agás esa novidade, conclúe a responsable do instituto, para os técnicos do Intecmar, polo de agora, está a ser un ano normal.