Proban uns colares en poldros no Barbanza para evitar os ataques do lobo
Os colares emiten uns ultrasóns e escintileos vermellos cando as reses botan a correr para fuxir do lobo
O proxecto, previsto durante dous anos, comezou con oito poldros con colares e oito sen eles, pero prevese colocárllelos a un cento
Séntense libres e crense donos do espazo, pero, en realidade, está aí como cebo.
"O que facemos é poñerlle o prato ao lobo na mesa, é dicir, levar eses poldros a zonas onde pode haber ataques de lobo, o contrario do que estamos facendo. Xeralmente, cando hai ataques de lobo ou incidencia nunha zona, o que facemos é apartar esa gandería para evitar danos", comenta Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña.
Hai oito poldros con colar e outros tantos sen el para pór a proba o lobo.
"En caso de que haxa un ataque de lobo e que o poldro se sinta estresado ou teña que fuxir, actívanse unhas luces e uns ultrasóns. Temos un número de animais con colar e outros sen colar para ver se a incidencia dos ataques é maior ou menor nos que teñen colar. Enténdese que o colar é vermello e rechamante e xa cara ao lobo, vaino botar para atrás á hora de atacalo pero, ao mellor non. Ao mellor aínda lle gusta atacalo", explica Queiruga.
Igual que ocorre noutros lugares, no Barbanza o número de lobos mantense igual dende hai unha década só que agora teñen menos comida.
"O cabalo é un animal moi bo porque é o animal que prefire o lobo. Ese tipo de animais foron baixando en número porque economicamente non eran rendibles e, polo tanto, o lobo estase achegando máis ás aldeas", advirte o presidente dos comuneiros.
Os comuneiros xa levan tempo traballando para manter protexidas as aldeas.
"Dándolle outro valor á carne de poldro coa transformación. Con iso, queremos conseguir que teña un valor que incremente o seu prezo e a xente poida pensar en ter ganderías de equinos no monte, non só por morriña, senón por rendemento económico", engade Ovidio Queiruga.
O proxecto, que ten unha duración de dous anos, está aínda nos inicios, pero a idea é probalo noutras zonas onde hai lobo e ganderías de cabalo silvestre. No Barbanza, este ano os elixidos foron oito poldros, pero o ano que vén prevese colocarlle colares a un cento de reses.