Prisión provisional para un home que acoitelou un garda civil en Ferrol
A vítima mediou para frear unha pelexa nas festas de San Xoán de Filgueira e os agresores atacárono fóra do campo da festa
O axente, de 43 anos, está destinado fóra de Galicia e identificárase cando se meteu a frear a lea
O Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home que acoitelou gravemente un garda civil fóra de servizo o sábado pasado durante as festas de San Xoán. A Policía Nacional xa investiga os feitos.
O suceso ocorreu cando o axente, que estaba de vacacións en Ferrol, tratou de mediar nunha pelexa. Segundo fontes, o garda civil mesmo se identificou para tentar acougar os ánimos. Logo, algúns dos implicados esperárono nas inmediacións dunha discoteca próxima ao concerto no que se encontraban.
Alí, agredírono na cara e logo causáronlle feridas cunha arma branca no rostro e no abdome. Testemuñas presenciais aseguraron que o axente perdeu moito sangue e tiveron que trasladalo de urxencia ao hospital.
Afortunadamente a vítima atópase agora fóra de perigo, aínda que estivo hospitalizado dende a mañá deste luns.
A Policía Local de Ferrol acudiu de inmediato ao lugar dos feitos e arrestou o agresor, así como varias mulleres que o acompañaban.