Prisión provisional para o home que acoitelou a súa exparella en Vigo
O Xulgado de Violencia sobre a Muller investígao por tentativa de homicidio
A vítima, de 66 anos, segue ingresada no hospital, pero está fóra de perigo

O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo decretou este martes o ingreso en prisión sen fianza, do home detido o pasado domingo acusado de acoitelar supostamente a súa exparella.
Os feitos tiveron lugar arredor das 21:00 horas no Camiño Eixón, preto da avenida de Clara Campoamor. O agresor atacou con arma branca a muller, de 66 anos, e pouco despois detívoo a Policía Nacional.
A vítima permanece ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, estable e fóra de perigo.
O detido pasou este martes a disposición xudicial e está a ser investigado por un delito de tentativa de homicidio. Segundo fontes xudiciais, non tiña ningunha causa aberta nin orde de protección vixente, aínda que si constaba unha causa anterior arquivada relacionada coa mesma muller.