Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vítima do crime de Campo Lameiro estaba en "risco alto" no sistema VioGén

A vítima do crime de Campo Lameiro estaba en "risco alto" no sistema VioGén

A parella fora interceptada 12 días antes noutra pista forestal polas autoridades que investigaban a presunta desaparición da muller

A pesar de que o home tiña unha orde de afastamento tras unha condena previa por malos tratos, ambos retomaron a convivencia

G24.gal 11/06/2025 12:43

Marisol C. P., a vítima do crime machista ocorrido en Campo Lameiro (Pontevedra) o pasado 31 de maio, estaba rexistrada no sistema VioGén de protección a vítimas de violencia de xénero, en risco alto. Así o confirmou este mércores o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, tras a confirmación da identidade dos corpos a través das probas de ADN o día anterior. 

A pesar de que a súa parella, José Ramon G. C., que segundo as hipóteses matouna e despois quitouse a vida prendendo lume ao coche onde se atopaban ambos, tiña unha orde de afastamento tras unha condena previa por malos tratos, ambos retomaron convivencia

O 19 de maio, doce días antes de que os seus corpos  aparecesen calcinados en Campo Lameiro, a Garda Civil interceptou a parella noutra pista forestal pouco transitada, no municipio lucense de Bóveda, xa que o coche de José Ramon G. C. estaba en busca. As autoridades investigaban a presunta desaparición da muller, e tras pasar a noite nos calabozos quedou en liberdade tras declarar en sede xudicial

"Iso efectivamente foi así", sinalou o subdelegado, que defendeu que a Garda Civil nese momento "fixo o que tiña que facer" e o que corresponde a un estado "garantista", onde son os tribunais "os que deciden quen ingresa en prisión e quen non". 

Losada, máis aló destes datos, non quixo desvelar máis detalles da investigación e apelou á necesidade de "deixar traballar" a Garda Civil para aclarar as causas do suceso. "Ata que a Garda Civil confirme a motivación é mellor esperar", sinalou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, que pediu "prudencia" ante o que definiu como unha "presión para avanzar máis que os propios investigadores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade