Un atracador armado cun coitelo leva 500 euros dunha gasolineira de Pontevedra
Entrou directamente pedirlle a recadación á caixeira pouco antes da hora de peche
Os dependentes teñen a indicación de entregar o que lles piden e evitar o enfrontamento
Pouco antes das once da noite, cando estaban a piques de pechar a xornada nunha gasolineira de Salcedo, preto de Pontevedra, recibiron unha visita inesperada. Pode que o atracador buscase así unha hora de escasa actividade no negocio, ou tamén que dese por feito que no momento do peche habería máis recadación acumulada, cousa que non é así, porque entre as normas de seguridade destes establecementos está a de ter un baixo límite de efectivo.
Neste caso o ladrón logrou facerse cuns 500 euros, segundo os datos do informe policial.
"Un rapaz de mediana idade, intimidouna cun coitelo e pediulle os cartos da caixa. A esa hora había o xusto do cambio para poder traballar, ela deullo e el colleuno e marchou".
"A empresa sempre nos di que favorezamos o proceso e evitemos o conflito; que a situación acabe o antes posible e cos menos datos posibles, sobre todo de cara ao traballador".
O atracador, que actuou encapuchado, tiña certa corpulencia física e falaba castelán, segundo conta Montse Fernández, a encargada da gasolineira de Salcedo. A policía está a investigar a súa identidade coa axuda das imaxes das cámaras de seguridade.
A dependenta que estaba a cargo da estación nese momento seguiu as pautas establecidas e todo discorreu como se espera neses casos, pero iso non quita o mal trago vivido.
"Seguro que a nosa compañeira vai ter o corpo destemperado unha temporada", di Tamara Buceta, outra traballadora da mesma estación de servizo.