Primeiro día do Son no Camiño: agardar por Katy Perry era tamén unha festa
O outro prato forte da xornada era Dani Martín, que volvía ao festival catro anos despois dun concerto moi lembrado
Os asistentes ao Son do Camiño foran chegando durante todo o día. Moitos deles escolleron o tren para poñer rumbo a Santiago, e, para se dirixiren despois ao Monte do Gozo, tiñan a opción de coller autobuses lanzadeira, ademais dos urbanos.
O festival agarda recibir uns 42.000 asistentes cada unha das súas tres xornadas. Na zona de acampada caben arredor de 4.000, e pronto se notou tamén alí o movemento propio dunha cita coma esta, ese ambiente de festival que agardaba o momento de que a música comezara.
E a música comezou xa ao principio da tarde, entre a calor. As mareas de xente ían accedendo ao recinto. Non tardaron en verse abanos nas mans dun público que xa bailaba cos primeiros concertos, gozando do festival e agardando polos pratos fortes da primeira xornada: Dani Martín e Katy Perry.