Publicador de contidos

Publicador de contidos

Katy Perry divirte co seu universo tecnolóxico e interactivo no Son do Camiño

Katy Perry divirte co seu universo tecnolóxico e interactivo no Son do Camiño

Foi un recital de máis dunha hora e media no que interpretou os seus grandes éxitos e cantou en primicia o seu novo single, "Watch it Burn"

Perry iniciou o seu espectáculo con  "California Gurls", acompañada dun desfile de forzudos, que subiron a temperatura dunha noite xa de seu calorosa

G24.gal 19/06/2026 07:50

A cantante estadounidense Katy Perry converteu o escenario do festival Son do Camiño, en Santiago, nunha fantasía espacial e tecnolóxica, de enerxía desbordante, cun recital de máis dunha hora e media no que interpretou os seus grandes éxitos e cantou en primicia o seu novo single, "Watch it Burn".

A "raíña do Camp" prometía un espectáculo renovado, cunha produción inédita. E non defraudou. Inmersa nunha despregadura visual espectacular, en branco absoluto, no que o artificio, a tecnoloxía e un corpo de bailaríns e músicos sen descanso a arrouparon todo o tempo, a estadounidense brillou con luz propia e meteu o público no peto desde o primeiro minuto. 

Tras o éxito da súa xira mundial The Lifetimes Tour, coa que xa visitou o pasado mes de novembro Barcelona e Madrid, e recentemente chegada dos Estados Unidos tras participar na terceira e última cerimonia inaugural do Mundial de Fútbol 2026, Katy Perry recalou en terras galegas, onde a recibiron as máis de 42.000 persoas que este xoves acudiron á primeira xornada do festival, no Monte do Gozo.

Sempre sorrindo, magnética por momentos, Perry iniciou o seu espectáculo con "California Gurls", acompañada dun desfile de forzudos, que subiron a temperatura dunha noite xa de seu calorosa.

Ataviada cunha camisa branca coa mensaxe "I am not a robot", gravata coa bandeira norteamericana e medias a xogo, desenvolveuse con soltura nun escenario interactivo, cheo de pantallas coas que non parou de xogar durante todo o concerto, con chiscadelas de chamadas da súa actual parella, o exprimeiro ministro canadense Justin Trudeau.

Sempre divertida, atreveuse co castelán e, tras advertir ao público que só actuou en Madrid e Barcelona, eloxiou Galicia e a súa catedral, que visitou antes do concerto. Non faltaron tampouco referencias á súa particular carreira espacial a bordo da nave de Jeff Bezos.

No escenario apareceron astronautas, portando a bandeira de España, recreando a primeira viaxe á lúa. Aínda que ela, consciente do escenario que pisa, rapidamente sacou tamén a galega.

Cos temas "Space Odissey", "Dark Horse" e "ET" desafiou a gravidade e mesmo flirteou cun marciano, que executou un twerking doutro planeta. "Part of Me", "I’m His He’s Mine" e "Bon appétit" foron os temas que pecharon o primeiro tramo do concerto, tras o cal se volveu dirixir ao público, a través dunha tablet e mediante un código QR sorteou a súa nova vestimenta, esta vez de pin-up.

Na segunda parte do espectáculo, Katy Perry regalou aos seus fans temas do seu próximo disco: primeiro "Bandaids" e, seguidamente, en absoluta primicia, "Watch it burn", do cal hai escasas horas publicara un adianto.

Con tinguiduras rock, a cantante queimou a tablet e despois interpretou o mítico "Heads will roll", de Yeah Yeah Yeahs, que o público bailou dando saltos. "Legendary Lovers", "The one that got away" e "Thinking of you" foron os seguintes temas dun show no que o público coreou a súa "raíña".

Himnos do seu primeiro álbum como "Hot n Cold" e "I Kissed a Girl" deron paso a un atrevemento maior. E é que Perry meteuse nunha botella de plástico xigante e, literalmente, tivo un baño de masas, lanzouse ao público. Incansablemente divertida, a artista moveuse ao ritmo dun xirasol xigante con "Harleys in Hawai" e, antes de entoar "Roar", aínda deleitou con remixes de "Lifetimes" e "All the Love", do seu último disco, 143.

Como non podería ser doutro xeito, o concerto finalizou con "Fireworks", tema co que abriu un tubo de crema solar e regou de espuma o público. Xa extasiada, despediuse lanzándose a un colchón. E o público volveu corear a súa raíña do Camp.

Este venres, Linkin Park

Antes de Kate Perry, outros foran quentando o ambiente: Leire Martínez, Carlos Ares ou Dani Martín.

Nunha edición marcada polas altas temperaturas, este venres chega outro dos pratos fortes: o estadounidenses Linkin Park

Un cartel completado tamén cunha ampla oferta de música electrónica. Quedan por diante dous días de concertos, con máis de 125.000 persoas que pasarán polo Monto do Gozo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade