Primeiro día de arado da area en Cambados para preparar para a ameixa
A confraría ten previstas catorce xornadas de labranza durante este mes
O arado facilita que a cría asente no fondo e facilita o traballo dos rañeiros
Labran a area do fondo, igual que se labra a terra.
"É unha draga que temos debaixo do casco do barco, que ten unha especie de ganchos que vai rompendo o terreo para poñelo moito máis brando e que sexa moito máis doado para a cría da ameixa poder 'pegar' no terreo, que poida meterse debaixo da area", explica Andrea Leiro, bateeira, a bordo do barco.
Preparan a area para a cría da ameixa, e tamén para facilitar o traballo dos rañeiros.
"Canta máis calor veña, a alga vaise asentando nos terreos e despois é moito máis complicado. Este mes é o ideal para facer este traballo, cando a cría empeza a 'pegar". engade Leiro.
No Galiñeiro, a zona de maior produción de ameixa babosa da confraría de Cambados, teñen previstas trece xornadas de traballo máis, repartidas ata finais de mes. Coa boca pequena, recoñecen que a campaña pinta ben, sempre a expensas de como veña o tempo, amigo e inimigo a un tempo. O ano pasado xogóullela.
"Foi un ano moi complicado. De feito, moita xente que traballaba no mar marchou para buscar traballos en terra porque era insostible. Este ano vese moita cría e agora consiste en ver se vai medrando para poder comercializala pero aínda é moi pequeniña e leva o seu tempo", adianta a bateeira.
Se o tempo se porta, a mellor babosa chegará ao mercado para o Nadal, aínda que, segundo o refraneiro, ano de ameixas, ano de queixas.