Os xabarís da illa de Cortegada nin ameazan os parques de ameixa nin a biodiversidade da illa
Son as conclusións dun estudo feito polos técnicos do Parque Nacional durante cinco anos sobre 45 porcos bravos
Constatan que é unha poboación pequena, que se move moito e non come moluscos de interese comercial
Un estudo do Parque Nacional das Illas Atlánticas sobre a comunidade de xabarís na contorna da illa de Cortegada demostra que os animais non son unha ameaza para os recursos marisqueiros nin para a biodiversidade do parque. Os porcos bravos pasan menos dun 5% do seu tempo na zona dos parques de ameixa, e na análise dos seus excrementos tampouco aparecen restos dos bivalvos salientables.
Hai dez anos que os xabarís empezaron a chegar á illa de Cortegada, polo seu propio pé desde os montes próximos e desde hai cinco os técnicos do parque nacional fanlles uns seguimento para saber do seu comportamento e o impacto que poden ter na biodiversidade da illa e nos parques de cultivo.
"Desde o Parque Nacional de Cortegada o primeiro que valoramos foi ver cantos xabarís había, como se moven e que comen. Responder estas preguntas que son a base para achegarnos a estes conflitos", di Vicente Piorno, responsable de conservación do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Nestes anos marcaron 45 xabarís, 16 deles están xeolocalizados permanentemente e do resto fan seguimento a través das cámaras de fototrampeo. Constataron que é unha especie que se move moito.
"O que vemos é que o xabaril pasa na zona dos parques de cultivo menos do 5% do seu tempo. O 95% do tempo restante están na illa ou nos montes que hai arredor de Carril. Vemos que hai unha poboación duns cinco adultos, dez subadultos e unhas cinco ou dez crías dependendo do momento do ano", asegura Piorno.
Decidiron analizar tamén os excrementos destes animais, para ver se podían estar afectadas as ameixas ou os fungos e os anfibios que hai en Cortegada.
"Non atopamos presenza ningunha de moluscos de interese comercial. Nin ameixas, nin berberecho, nin outro molusco dese tipo. Non hai que preocuparse demasiado pola presenza do xabaril na illa, que é unha poboación que está aquí como en toda a costa de Galicia, que se move moito e que algún xabaril puidera comer unha ameixa algunha vez é posible, pero non é algo habitual nin causa de preocupación." Insiste o responsable de conservación.