A caza sen límite de xabaril estará permitida desde este sábado en 254 concellos
A Xunta activa por quinta vez a emerxencia cinexética, que se estenderá ata o 22 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia activará unha nova situación de emerxencia cinexética do xabaril desde este sábado, o que permitirá o seu caza sen límites ata o 22 de febreiro de 2026, último día do período hábil de caza. A medida estenderase a un total de 254 concellos -seis menos ca en 2024-, repartidos entre 38 comarcas das catro provincias.
A declaración de emerxencia cinexética baséase nos avisos por danos ocasionados polos xabarís, que se multiplicaron por catro desde a primeira declaración.
"Pasamos de 1.429 na primeira declaración a máis de 4.200 neste momento. Avisos por danos, superficie afectada, superficie tendo en conta o resto da comarca, censo gandeiro e accidentes de tráfico", explica Marisol Díaz, directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) deu a coñecer este venres a superficie afectada por este instrumento, provisional e extraordinario, que será a quinta vez que se recorra a el. A Consellería do Medio Ambiente xa o recorreu a el con anterioridade en 2019, 2021, 2023 e 2024.
Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal, nas comarcas permítese abater ou capturar sen límite de exemplares xabarís de ambos os sexos, aínda que a Xunta pide priorizar as femias adultas e subadultas en todas as súas idades.
Nas zonas delimitadas permitirase, así mesmo, abater crías e femias seguidas de crías, previa autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana en terreos cinexéticos, salvo o especificado naqueles en réxime especial e nas zonas libres de caza.
Neste segundo caso, as cacerías estarán suxeitas a autorización previa cunha antelación mínima de dez días naturais. Ata o 5 de xaneiro de 2026, estarán permitidas os luns, martes, mércores e venres; desde o 7 de xaneiro ao 22 de febreiro, autorizaranse cacerías os luns, martes, mércores e venres -sempre que non sexan festivos-.
Unha medida que a Federación Galega de Caza non comparte.
"Hai zonas onde se poden tomar medidas porque hai exceso de xabaril, pero hoxe en día, que se leva feito control da especie, non vemos que haxa ese exceso de xabaril, no monte sobre todo", di Antonio García Reinoso, delegado da Federación Galega de Caza en Ourense.
Doutra banda, nos terreos non cinexéticos será necesario dispoñer dunha autorización expresa. Segundo detalla o DOG, permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadores, con posterior sacrificio.
38 comarcas afectadas
A superficie que abarca a actual medida é similar á que comprendía a declaración emitida en 2024, aínda que lixeiramente inferior. Entón, a emerxencia cinexética abarcou 40 comarcas, que comprenden 260 concellos e un 84,7% da superficie total de Galicia.
A declaración actual abarca 38 comarcas: 9 na Coruña; 10 en Lugo; 11 en Ourense, e 8 en Pontevedra. Estas comarcas estarán afectadas na súa totalidade, fóra de Valdeorras, onde se exclúe a Petín por ser gravemente afectado por incendios forestais.
"Só Petín, porque os tecores quedaron arrasados polo lume. Tense en conta unha superficie mínima de 15 hectáreas ou de 500 hectáreas nos tecores para que se poida cazar", explica Marisol Díaz.
Na provincia da Coruña, a medida afectará as comarcas de Arzúa, Betanzos, A Coruña, Eume, Ferrol, Ortegal, Santiago, Bergantiños e Ordes; en Lugo, a emerxencia cinexética aplicarase nos Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos e A Mariña Oriental.
Pola súa banda, en Ourense, abarcará Allariz-Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana; e, por último, en Pontevedra, comprenderá Deza, Tabeirós-Terra de Montes, A Paradanta, O Condado, Pontevedra, O Morrazo, Vigo e Caldas de Reis.