Adamuz celebra un funeral en homenaxe ás vítimas sete días despois do accidente ferroviario
Familares das vítimas e veciños da localidade cordobesa ateigaron a Caseta Municipal, acondicionada para acoller o acto de homenaxe
O bispo de Córdoba foi o encargado de presidir a misar funeral
Sete días despois do accidente de trens que custou a vida a 45 persoas, o municipio cordobés de Adamuz celebra un funeral en homenaxe ás vítimas da traxedia, mentres continúan os traballos de retirada dos vagóns das vías.
O acto celebrouse na Caseta Municipal da localidade que se ateigou de familiares das vítimas e de veciños.
Na cerimonia interviron veciños e mesmo membros das forzas de seguridade que participaron no rescate das vítimas.
O bispo de Córdoba, Jesús Fernández, presidiu a celebración na que tivo palabras de agradecemento tanto para os veciños que acudiron na axuda das vítimas como para os equipos de emerxencia
Jesús Fernández lamentou que "a confusión" entre as diversas autoridades impedise aos sacerdotes, que se desprazaron ata o lugar do sinistro, administrar os últimos sacramentos aos feridos.
A misa estivo presidida pola imaxe da patroa de Adamuz, a Virxe do Sol.
En declaracións aos medios de comunicación, o bispo argumentou que cabe a posibilidade de que non se tivese en conta a opción de deixar acceder aos sacerdotes ao lugar dos feitos e que atendesen ás vítimas do accidente, porque "pensaban que os mortos xa están todos mortos e que polos vivos, aínda se pode facer algo por eles".