Drons analizan dende o aire a auga do mar para mellorar a produción de ameixa
Forman parte dun proxecto multidisciplinar que analiza os bancos marisqueiros da ría de Pontevedra
Son tres estudos que abordan dende distintas vertentes o ecosistema no que medran os bivalvos
Dende o aire, un dron, vai tomando fotografías con alta definición que despois conformarán un mapa da zona. Ademais permite coñecer a temperatura da auga para saber onde hai correntes continentais de auga doce. Uns datos que con outros estudos perfilarán como afectan estas variables ás distintas especies marisqueiras.
Bruno Míguez, analista de Telespazio Ibérica, e parte do estudo Marisdrone explica que son "variables ambientais como topografía, cantidade de clorofila ou temperatura que afectan distintas especies".
José Luis Rouco é un dos pilotos da empresa Aeromedia encargado de manexar eses drons. Explica que fan distintas funcións: "Leva unha cámara térmica que ve a temperatura que se forma nas ondas de auga doce que entran".
En realidade son tres proxectos na mesma zona de estudo da ría de Pontevedra e cun obxectivo común: ver cal é o ambiente que aumenta a produtividade dos bivalvos. Ademais de Marisdros están os estudos de Marislab e Envirosub en que colaboran distintas institucións científicas como o CSIC ou a Universidade de Vigo da man das confrarías da zona.
Andrés Simón Gómez, asistente técnico da lonxa de Campelo, destaca que buscan "uns estándares dentro de todo na que a larva da ameixa ou a ameixa pequena se encontre ben", para que facilite a produción.
Ademais de recoller información dende o aire tamén se fan mostraxes dende un barco e a pé de praia, na area. Rita González-Villanueva, investigadora no Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, desvela que analizan tamén os sedimentos porque "estes organismos viven dentro do sedimento e tamén estudamos as correntes e como van cambiando os fondos".
Uns cambios que coñecen ben os mariscadores, como recoñece Dolores Moreira, presidenta da agrupación de marisqueo a pé de Lourizán: "Notouse moito cambio nas mareas, nas correntes e tamén se están a formar moitos areais".
Despois do traballo de campo, chegará o momento de análise no laboratorio e de tirar conclusións para ver se se pode recrear o espazo idóneo para este tipo de marisco noutras zonas de xeito sostible.