Publicador de contidos

Publicador de contidos

O cadro de Picasso nunca saíu do portal: unha veciña colleuno crendo que era un paquete

O cadro de Picasso nunca saíu do portal: unha veciña colleuno crendo que era un paquete

‘Natureza morta con guitarra’, valorado en 600.000 euros, quedou esquecido na entrada do edificio

A veciña gardouno na súa casa durante semanas sen saber que se trataba dunha obra de arte de Picasso

G24.gal 24/10/2025 19:26

O cadro Natureza morta con guitarra de Pablo Picasso, desaparecido desde o 3 de outubro e xa recuperado, nunca chegou a saír do edificio desde o que ía ser transportado a Granada para unha exposición.

Os transportistas esquecérono no portal, e unha veciña colleuno pensando que se trataba dun pedido.

Fontes próximas á investigación explicaron que o suposto roubo do pequeno cadro, asegurado en 600.000 euros, tivo en realidade unha orixe insólita. A obra ía formar parte da exposición Bodegón que o centro cultural CajaGranada tiña previsto inaugurar o 6 de outubro.

Unha empresa de transporte debía recoller a obra nun inmoble da avenida Pío XII de Madrid, xunto con outras pezas artísticas, para trasladalas a un almacén desde onde viaxarían a Granada.

Porén, o cadro quedou esquecido no portal. Pouco despois, unha veciña viu o paquete e, convencida de que se trataba dun pedido, subiuno á súa casa.

A muller non abriu o paquete e deixouno nun recuncho da vivenda, onde permaneceu varios días. Mentres tanto, a obra comezaba a ser buscada por toda España, xa que os responsables da exposición advertiran a súa ausencia ao descargar as outras 56 pezas previstas.

Foi o marido da veciña quen, ao comentar coa súa muller a noticia difundida polos medios sobre a desaparición dun cadro de Picasso, fixo que ela se decatase do erro.

Tras comprobar o paquete, o matrimonio contactou coa Policía.

Segundo as investigacións, o matrimonio sabía que algunhas vivendas do portal gardaban obras de arte, polo que non resultou estraño ver un paquete similar.

Cando a Policía recibiu o aviso, xa levaba días investigando a denuncia presentada por CajaGranada e tomara declaración aos transportistas e empregados implicados.

A Policía Científica abriu este venres o paquete e confirmou que o cadro era o orixinal de Picasso.

Así se pechou unha historia que durante semanas tivo en tensión os investigadores, os propietarios da obra e os organizadores da exposición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade