Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prezos sen sorpresas na primeira poxa da campaña da centola na Mariña

Prezos sen sorpresas na primeira poxa da campaña da centola na Mariña

A lonxa de Burela vendeu 450 quilos dos primeiros exemplares

G24.gal 29/11/2022 20:47 Última actualización 29/11/2022 21:00

Sete embarcacións descargaron na lonxa de Burela esta tarde para a primeira poxa da temporada da centola, 450 quilos en total.

Os prezos oscilaron entre o mínimo de catro euros con sesenta ata os vinte e un con oitenta que se pagou de máximo. O prezo medio andou polos oito euros e medio. Os compradores das empresas comercializadoras, como David Rivas, parecían satisfeitos.

"Coma sempre, o bo págase. Pasou a 21 a primeira parada e despois a mediana foi polo seu prezo, nin vai tolo nin tirado de prezo, vai máis ou menos ao seu prezo".

A cota máxima de captura é de 35 quilos por barco e día máis 35 quilos diarios por tripulante a bordo. Como nos conta Vicente Quiroga desde a lonxa de Burela.

"Á hora de empezar, sempre soe ser con pouca cantidade, porque os aparellos aínda non están preparados. Supoñemos que a partir de agora, coa mellora do tempo, empezará a haber máis cantidade".

A campaña na Mariña luguesa comezou o pasado luns, tres semanas despois ca nas provincias de Pontevedra e a Coruña, por unha boa razón.

"Nas Rías Baixas, a centola é de ría e ten moito que comer. Aquí é de rocha e tarda máis en facerse. Aquí o mellor é en febreiro, marzo. Pero agora mesmo ben escollido, é moi bo", asegura Rivas.

Agora xúntanse coa campaña de boi, que comezou en toda a costa, incluída A Mariña, o pasado 7 de novembro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade