Previa 1ª RFEF: os galegos buscan a vitoria para estar na pelexa do ascenso
O Arenteiro xogará o seu segundo encontro no Espiñedo, trala vitoria coa Cultural Leonesa
O Lugo suma tres partidos sen perder
O Celta Fortuna e Claudio Giráldez son optimistas para trocar a serie
O Deportivo segue a súa boa liña en velocidade de cruceiro
Tras a brillante vitoria da pasada xornada ante a Cultural Leonesa, o Arenteiro volve o seu bastión preferido, o Espiñedo, onde sumou 24 dos 33 puntos que leva e que o converten no terceiro mellor local do grupo. Coa intención de incomodalo chega un Osasuna B que leva 5 xornadas sen gañar, pero nas que sumou 4 empates, o último deles o domingo no Anxo Carro.
Precisamente o Lugo visita hoxe ás 20 o Teruel na procura de recuperar distancia cos postos de arriba logo de que nas 8 últimas xornadas so lograse unha vitoria e sumase seis de 24 puntos posibles. Enfronte terá o pechacancelas do grupo, pero que leva sete xornadas sumando.
Mentres, o Celta Fortuna tentará rachar mañá as 12 en Irún cunha xeira de cinco xornadas sen gañar nas que só sumou un punto. O seu rival, o Real Unión, é o equipo máis goleador como local e conseguiu no seu campo 21 dos 29 puntos cos que conta. Con todo, malia o mal momento polo que atravesan, Claudio Giráldez é positivo.
Pecha a xornada, o equipo máis en forma do campionato, o Deportivo, vencedor nos catro últimos partidos nos que anotou trece goles. A Riazor chega un Tarazona que leva tres encontros sen marcar e catro sen gañar e que só logrou unha vitoria coma visitante. O encontro poderán seguilo mañá as 19 pola nosa segunda canle.