Preto de 23.000 persoas concorren ás oposicións de educación en Galicia
As probas para o corpo de mestres celébranse este sábado nas 145 sedes habilitadas pola Xunta en 14 localidades
Os exames para inspección, ensino secundario, escolas oficiais de idiomas e artes plásticas son o domingo
O Goberno galego prevé reducir a interinidade docente ao 6 % no ano 2023
Preto de 23.000 persoas concorren esta fin de semana ás oposicións de educación nas 145 sedes habilitadas pola Xunta, en 14 localidades de toda Galicia. Todas elas optan ás 2.484 prazas convocadas.
En concreto, as probas para o corpo de mestres comezan este sábado 18 de xuño, e para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas e artes plásticas e deseño) o domingo 19.
As 145 sedes (60 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 19 na de Ourense e 51 na de Pontevedra) serán na súa totalidade centros educativos: colexios, institutos, centros integrados da FP ou centros universitarios.
Concretamente, estarán situadas na cidade da Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Santiago de Compostela, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Marín, Lalín, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Estabilización
A Xunta lembra que, en virtude do acordo asinado coas organizacións sindicais, as persoas interinas e substitutas non están obrigadas a presentarse ao procedemento. Estas prazas súmanse á oferta de emprego público de estabilización.
A Xunta prevé finalizar estes procesos no ano 2023, cunha taxa de interinidade docente do 6 por cento no conxunto de prazas. Isto supón dous puntos menos do 8 por cento que esixe o Goberno central para finais de 2024, obxectivo que Galicia "xa cumpre", destaca o executivo autonómico. A media estatal é do 25 por cento.
Adicionalmente, sumaranse as prazas do extinto corpo de profesores da FP. O Goberno galego xa aprobou a oferta pública de emprego (OPE) para estes postos, pero non se poderán convocar ata que o Ministerio de Educación desenvolva a nova lei de formación profesional.
