Presenza diversa do cinema galego no Festival de Málaga
Presenza diversa do cinema galego no Festival de Málaga
Código Emperador, de Jorge Coira, abre o certame que chega aos 25 anos.
Onde máis doe, de Manane Rodríguez, aborda o tema da violencia vicaria desde o terreo documental.
Código Emperador, o novo filme dirixido polo lucense Jorge Coira e participado pola TVG, inaugura hoxe o Festival de Málaga e chega aos cines en toda España. Un thriller de suspense no que Luís Tosar é un policía dedicado a tapar as condutas amorais e ilegais dos poderosos.
Tamén participado pola Televisión de Galicia, o documental Onde máis doe, asinado na dirección por Manane Rodríguez. É un documental sobre a violencia machista a partir dun caso de violencia vicaria acontecido no concello de Oza-Cesuras no 2017. Marcos asasinou o seu fillo aproveitando a custodia e como castigo á súa muller, como recoñece a sentenza xudicial.
Na sección de curtas, tres traballos galegos. Rompente, de Eloy Domínguez Serén, un traballo sobre as dificultades da mocidade na realidade dunha vila costeira galega, e os dous traballos do vigués Lois Patiño que veñen de Cannes e a Berlinale, respectivamente, Sycorax e El sembrador de estrellas.
En Málaga poderanse ver tamén as primeiras imaxes de O corpo aberto, de Ángeles Huerta, filme con participación da Televisión de Galicia que chegará ás salas a finais deste 2022.