Máis de mil profesionais fórmanse en Galicia para loitar contra o lume
A formación, en medios aéreos e terrestres e que incorpora sistemas de intelixencia artificial, enmárcase nun plan da Xunta dotado con 213 millóns de euros
Antes de enfrontarse ao lume, hai meses de preparación.
Máis de mil profesionais participan nas últimas semanas nas accións formativas da Xunta, dentro dun plan de 213 millóns de euros.
Este xoves, en Beariz, foi a quenda de axentes e técnicos formándose na coordinación de medios aéreos.
"Cada vez temos menos lumes ou máis estables pero máis grandes, máis intensos, máis perigosos e que xeran máis dificultades tanto para o noso persoal como para a poboación en xeral. Entón, necesitamos adaptarnos a esta nova realidade de lumes", asegura Sandra Martínez, Xefa do Servizo de Prevención.
O dispositivo contraincendios combina medios terrestres e aéreos, con avións de carga en terra e helicópteros clave nas primeiras fases da emerxencia.
"O maior risco que temos é a altitude á que voamos e a gran confluencia de medios aéreos na zona do incendio" afirma Manuel Durai, piloto de extinción de incendios.
A formación incorpora novas tecnoloxías, como sistemas de intelixencia artificial que analizan imaxes e datos de forma continua.
"Estamos nun ciclo continuo. Durante o verán traballamos en extinción e durante o inverno traballamos para afrontar os lumes da mellor maneira posible", di Sandra Martínez, xefa do Servizo de Prevención.
A adaptación a esta nova realidade require tamén xestión emocional, con formación en control do estrés para preparar os profesionais que estarán á fronte da loita contra o lume en Galicia.