Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños de Meirás quéixanse pola falta de beirarrúas na meirande parte da parroquia sadense

Veciños de Meirás quéixanse pola falta de beirarrúas na meirande parte da parroquia sadense

O problema afecta tamén os condutores, que deben invadir o carril contrario para evitar atropelos

O Concello de Sada di que a estrada é titularidade da Deputación Provincial, polo que é a Administración competente e responsable de asumir a construción das beirarrúas

G24.gal 24/04/2026 13:52

Expostos ao tráfico rodado. Así se ven os veciños da parroquia de Meirás, en Sada, aos que ás veces non lles queda outra que meterse nas gabias para evitar ser atropelados.

"E son gabias de medio metro de profundidade. Pero é que non tes onde meterte cando veñen os coches". "Se vas tirar o lixo ou pasear o can é un perigo". "Eu teño nenos pequenos e para ir ao colexio xa os levo no coche, andando por aquí é imposible".

Cualifican a situación de perigosa.

"Hai anos xa houbo un atropelo mortal". "É un auténtico perigo porque os coches pasan a moita velocidade, hai moitas curvas".

E isto complícase aínda máis polas noites.

"Polas noites peor porque non hai visibilidade".

Porén, o problema non só afecta os peóns, senón tamén os condutores.

"Problema tamén para os coches. E o outro día case levo por diante un home que ía cunha carretilla".

Aseguran que levan máis dun lustro esixindo a construción de beirarrúas.

 "Xa desde antes da pandemia". "Parece ser que a Deputación ten unha partida destinada para facer as beirarrúas, pero o Concello di que non conseguen falar con dous dos veciños que terían que ceder terreos".

O Concello de Sada informounos de que a estrada é titularidade da Deputación Provincial, polo que é a administración competente e responsable de asumir a construción das beirarrúas. Con todo, din, existe un problema de fondo que é que non todos os veciños afectados están dispostos a ceder parte dos seus terreos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade