Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación pola seguridade no Pereiro de Aguiar despois de tres roubos no último mes

Preocupación pola seguridade no Pereiro de Aguiar despois de tres roubos no último mes

Os roubos cometéronse en tres vivendas unifamiliares situadas nunha zona que adoita moi ser tranquila

Ocorreron a plena luz do día, primeiro entraron en dúas casas, xusto as que non tiñan sistemas de seguridade

A veciñanza comezou a contratar sistemas de seguridade e a Garda Civil intensificou a vixilancia da zona

G24.gal 15/02/2025 14:57

Preocupación entre a veciñanza do concello ourensán do Pereiro de Aguiar. Neste último mes houbo tres roubos en vivendas na localidade da Derrasa e algúns veciños din que se senten inseguros e, de feito, estiveron estes días contratando sistemas de seguirdade. Tamén aseguran que viron como nestas semanas se incrementaba a presenza da Garda Civil na zona.

Os roubos ocorreron nunha zona de vivendas unifamiliares situadas na Derrasa. Non transcendeu a contía do roubado pero si que entraron a plena luz do día. Primeiro roubaron en dúas casas e unha semana despois noutra, segundo explican varios veciños.

"Soubemos diso, si é verdade. Pero seguros non nos sentimos porque che entran igual aínda que esteas dentro da casa". 

"Víronos saír de Monterrei e pasando por aquí pola recta da Derrasa. Nós vivimos en Cachamuíña e loxicamente os que somos máis maiores temos que estar atentos e pechar ben as portas". 
"Non é que che rouben é a xente se a atopas na casa e o que che pode pasar ou o que che poden facer". 

Hai certa preocupación entre a veciñanza nun lugar tranquilo, e din que agora se senten máis inseguros.

"É unha zona moi tranquila e déixasme un pouco sorprendido a verdade porque aquí nunca pasou nada". 
"Aquí case todos teñen alarma, verdadeiramente creo que hai pouca xente que non a teña, creo que todos teñen alarma, pero en fin pouco hai que facer se queren entrar entran igual". "Eu por exemplo, teño cámara e alarma, pero eles fanlle pouco caso, son moi rápidos, parece ser". 
"Algunha medida temos, sempre intentar non deixar nada fóra á vista, ter algunha luz encendida para que saiban a xente que hai xente na casa". 

A maioría contan con sistemas de seguridade pero xusto roubaron nas casas que non tiñan alarma. Por iso algúns están contratando agora máis seguridade. 

"Roubos din que hai, nós por exemplo ao chalé témoslle alarma", din. Outros engaden que "Sempre a seguridade fai falta". "Sempre hai que estar precavidos, non vaia ser". "Vese máis Garda Civil pola estrada, iso está claro". "Si, hai máis controis na rotonda, e hai máis gardas civís por aquí". "Hai que recoñecer que si que pasa moitas veces agora a Policía por aquí". 

A Garda Civil de Ourense busca os ladróns e pídenlle á veciñanza que se ven coches descoñecidos ou movementos estraños na zona que apunten as matrículas e que avisen de seguida as forzas de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade