Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación nos pais polo uso das novas tecnoloxías entre os cativos

Preocupación nos pais polo uso das novas tecnoloxías entre os cativos

O 90 % dos nenos de 10-11 anos conéctanse a Internet, ben sexa como pasatempo, ben por cuestións académicas

Para que o fagan correctamente, os pais buscan o asesoramento profesional

Asistimos a un taller organizado pola asociación de pais e nais do CEIP A Ponte, en Ourense, sobre o bo uso das tecnoloxías

G24.gal 15/11/2022 20:54 Última actualización 15/11/2022 22:11

Cal é a idade recomendada para o primeiro móbil? E para usar as redes sociais? Ata cando empregar os controis parentais? Son algunhas das dúbidas que asaltan os pais e as nais, preocupados polo impacto das novas tecnoloxías na educación dos seus fillos.

"Mordes o anzol sen darte conta. Hai que estar previdos, alerta", di Raquel Noguerol Pato, secretaria da ANPA do CEIP da Ponte, que organizou o obradoiro.

A planificación é a primeira pauta. Cada familia, en función das súas circunstancias.

"Igual que decide que colexio escolle, de que maneira vai educar os seus fillos, que inclúa a tecnoloxía nese educar", explica Santi Rey, Presidente da Asoc. educativa AtlanTICs e poñente deste obradoiro.

Os pais, sinala, son o espello dos fillos, tamén no uso das tecnoloxías: "O 60 % dos adolescentes dormen co teléfono. E o 70 % dos adultos, durmimos co teléfono".

Pero a clave, segundo este profesional, está na mediación parental. É dicir, acompañar os fillos no proceso tecnolóxico, coma no resto de procesos das súas vidas.

"Estamos nun parque infantil. A ninguén se lle ocorre con 3 anos deixalo dez horas aquí, só. Con tres, estamos aquí con el. Con seis, ímolos deixando un pouco máis sós, e con dez ou doce xa poden baixar sós ao parque. É o mesmo", conclúe Santi Rey.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade