Preocupación e incerteza entre os veciños próximos ao viaduto e os condutores que usan a A-6
Esixen solucións pero sobre todo seguridade. Moitos cren que a mellor opción e derrubar todo o viaduto e construír un novo. Unha obra maior xa que o do Castro é o viaduto máis longo da A-6
A segunda derruba no viaduto da A-6 sorprendeu a todos, sobre todo os que a viviron en primeira persoa: "Escoitamos un estrondo, vimos o po e logo xa a ponte caída", conta un veciño.
Os veciños dos concellos limítrofes e os condutores que a diario usan esta vía de conexión coa Meseta viven estas horas con preocupación e moita incerteza: "isto é moi perigoso", di unha veciña, ao que engade outra: "tiñan que tiralo todo".
Precisamente a derruba do viaduto é unha das solucións que hai sobre a mesa. Trátase dunha obra maior xa que este viaduto con máis de 500 metros é o máis longo da A-6.
José Luis Raposo. Alcalde de Pedrafita. "Terán que ver cal é a mellor solución, esa é unha ponte moi longa, se tiran esa o que hai ao lado foi construído igual entón, iso é un defecto que fixeron daquela, non deberon meter esa ponte aí", di o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo.
Desde os concellos esixen solucións pero sobre todo seguridade. "Despois de estar ano e medio traballando algo tiñan que haber visto ou detectado, é un milagre que non pasara nada e para esta zona supón un atranco importantísimo", sinala o alcalde das Nogais, Jesús Manuel Núñez
Sexa derrubar ou reconstruír, as solucións no viaduto complícanse e obstaculizan a conexión de Galicia coa Meseta. A reapertura da ponte vai para longo. En Pedrafita do Cebreiro saben que non lles queda outra que convivir co intenso tráfico que cada día atravesa o centro da vila.