Publicador de contidos

Publicador de contidos

Premian unha aplicación de axuda aos nenos con autismo deseñada por un mozo vigués

Premian unha aplicación de axuda aos nenos con autismo deseñada por un mozo vigués

Lucas Alonso de San Segundo dedicoulle 370 horas de traballo a Rutirse, que tamén é o seu proxecto de fin de grao

A aplicación xa está a ser testada por asociacións que traballan con mozos que padecen TEA

 

G24.gal 28/10/2024 13:17

Lucas Alonso de San Segundo está nesa idade en que todos queremos cambiar o mundo. Cando a ese nobre desexo se suma un talento innato como o que el ten para a informática, xorden cousas como o seu proxecto de fin de grao, que á vez é un exemplo do que é a tecnoloxía inclusiva: Rutirse.

"A idea era coller o inicio das palabras rutinas, ironías e sentimentos, o que dá como resultado a palabra rutirse", contounos Lucas. "Vexo a posibilidade de axudar á xente e iso creo que é algo bonito e guai."

Lucas empregou 370 horas en deseñar Rutirse, e estivo en contacto permanente con distintas asociacións que traballan con persoas do espectro autista. O seu obxectivo era adaptar á pantalla da tableta os clásicos xogos de tarxetas que se empregan coas persoas que padecen este trastorno á hora de fomentar neles patróns de rutina. Pero tamén ir máis aló e usalos para traballar no aspecto emocional.

"Tiven unha reunión con Aspanaes, unha asociación de aquí da Coruña. Presentámoslles a aplicación, quedaron contentos, gustoulles bastante", explicounos.

Mentres Aspanaes axudaba a Lucas a pulir algúns aspectos co feedback que lle daban os seus terapeutas e usuarios, Rutirse era recoñecido cun dos premios Xovetic, que cada ano valora os mellores proxectos de investigación en tecnoloxías da información e a comunicación. Pero Lucas xa está pensando no seu seguinte proxecto inclusivo.

"É para axudar a nenos e nenas que presentan parálise cerebral unilateral, o que me parece un traballo moi interesante e de grande axuda", confesounos Lucas.

Mozos como Lucas marcan as diferenzas. O futuro é seu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade