Publicador de contidos

Publicador de contidos

Precintan en Vigo un inmoble onde se explotaba sexualmente mulleres vulnerables

Precintan en Vigo un inmoble onde se explotaba sexualmente mulleres vulnerables

Unha delas faleceu e outras presentaron denuncia 

A investigación iniciouse o pasado ano tras varios incidentes graves e rematou co arresto de tres mulleres dun mesmo clan familiar 

Policía Nacional
G24.gal 01/07/2026 16:20

A Policía Nacional precintou e clausurou preventivamente un inmoble de Vigo que era utilizado para a explotación sexual de mulleres en situación de vulnerabilidade.

A medida, segundo informou este mércores a Policía, adóptase tres meses despois da detención de tres mulleres dun mesmo clan familiar acusadas de trata de seres humanos co fin de explotación sexual, prostitución coactiva, delitos contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros e pertenza a organización criminal.

Traballaban en xornadas nocturnas de 12 horas 

A investigación iniciouse o pasado ano tras varios incidentes graves, entre eles o falecemento dunha muller e as denuncias presentadas por outras dúas.

No rexistro practicado o pasado 24 de marzo, os axentes localizaron varias vítimas que residían de forma permanente no inmoble, as cales eran obrigadas a traballar en xornadas nocturnas de ata doce horas, tiñan restrinxidas as súas saídas a un máximo de dúas horas diarias e permanecían sometidas a un control constante mediante sistemas de videovixilancia.

Ademais, as investigadas apropiábanse da metade dos ingresos obtidos pola prostitución.

As vítimas eran estranxeiras e vivían en cuartos sen luz nin ventilación 

A investigación concluíu tamén que moitas das vítimas eran estranxeiras recentemente chegadas a España e que vivían en cuartos de reducidas dimensións, algúns sen ventilación nin luz natural.

A Policía solicitou o peche cautelar do inmoble ao considerar que existía risco de continuidade da actividade delituosa e que o piso era utilizado exclusivamente como instrumento para a explotación sexual.

No momento do precinto xa non permanecía ningunha muller no interior e, segundo a Policía Nacional, todas elas abandonaran o lugar e contan actualmente con acceso a recursos de asistencia e protección.

Un inferno que durou décadas

O precinto policial marca o punto final dun inferno que durou décadas. 

"É un fito porque é un piso que levaba moitos anos adicado á explotación sexual e á trata de mulleres", confirma Teresa Riera, voceira da Policía Nacional de Vigo

"Nos últimos anos, aconteceron feitos moi serios, como a morte dunha muller por sobredose. Era coñecido ademais por ofrecer servizos sen necesidade de usar preservativos", engade Ana García, presidenta e asesora xurídica de Faraxa, unha das oenegués que asisten ás vítimas.

Prácticas que destrozan corpos e mentes pero que de portas para fóra pasaban desapercibidas. Nin daban problemas nin se ocultaban. Ata con reseñas en Google e páxina de Internet, con teléfono, onde contactaban os clientes e as mulleres.

"Eran mulleres moi novas, que veñen de países moi pobres, que as súas familias dependen economicamente delas. Contáctábanas no país de orixe e decíanlles que entraran con visado de turista", explica a voceira da Policía Nacional.

Chegaban sen saber o pesadelo ao que se enfrontaban.

"Un piso pequeno no que había dez mulleres en tres cuartos súper pequenas, que parecían máis armarios ca cuartos. Estaban hacinadas en liteiras, as 24 horas do día os sete días da semana, tiñan que pedir autorización para saír e os cuartos non tiñan nin ventilación, nin luz natural", describe Teresa Riera.

Á fronte, a muller que lle dá nome ao piso e que tivo outros negocios en Vigo, e dúas familiares máis. Un clan.
Ela, Sandra, con quen puidemos falar, acepta a prostitución, pero nega a explotación, a trata e o maltrato. Un relato ben diferente do que ofreceron as vítimas. 

"Sete días da semana, vintecatro horas ao servizo completo do cliente que entra pola porta, sexa a hora que sexa. Teñen que levantarse e pórse nunha ringleira no corredor para que o cliente elixa. Non só é sexo. É dominio, é poder. Lembro que atendemos a unha muller que contaba que tivo un cliente que a tivo horas bailando. Bailaba cando el lle dicía: 'baila!", lamenta a presidenta de Faraxa.

Eran dez mulleres. Só denunciaron tres. 

"Polo medo, pola falta de conciencia da situación na que estás, ... ese case agradecemento a quen che está dando un sitio onde podes gañar o 50% do servizo, que andan entre os 60 e os 90 euros media hora. Son vítimas que veñen absolutamente sometidas ao que sexa necesario", xustifica Ana García.

Unha vez liberadas, contan con axudas e beneficios legais, pero manteñen a carga das familias e danos físicos e mentais difíciles de superar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade