As defensas de 4 acusados de trata e prostitución apuntan a unha denuncia interesada
Na última sesión do xuízo en Santiago mantiveron a solicitude de absolución
A derradeira xornada do xuízo arrancou co testemuño dunha muller colombiana. Afirmou que compartira piso en Talavera de la Reina coa suposta vítima e unha das acusadas, e que todas exercían a prostitución voluntariamente.
O primeiro dos acusados en declarar na vista foi o único home galego imputado. Relatou que el e a súa parella, de orixe colombiana, foran recibir a vitima ao aeroporto e facilitáronlle aloxamento durante 3 días na súa casa en Santiago, porque llo pedira desde Colombia unha sobriña dela.
Negaron que lle retiraran o pasaporte nin que a encerraran. Aseguraron ambos que a vítima marchou a Talavera de la Reina, onde ía exercer a prostitución voluntariamente, e que nunca máis volveron ter contacto.
Os avogados da defensa manteñen a inocencia dos imputados. Aseguran que a investigación ten moitas eivas e que a vítima e os seus familiares incorreron en contradicións e mentiras. Todos residen en España como testemuñas protexidas desde a denuncia en 2020 polas supostas ameazas que sufriron en Colombia da suposta rede de trata.
Francisco Méndez, avogado, insiste en que a sua denfendida só acolleu á denunciante na sua casa e non participou en ningun negocio de trata con ela. Rubén Fernández, que representa á sua parella na quenda de oficio, pon o foco nas contradiccións da suposta vítima que primeiro asegurou que a tiñan incomunicada e logo afirmou que traía unha tarxeta de teléfono española cando chegou.
Á falta de coñecer as conclusións, a fiscalía pedía inicialmente penas de 12 a 18 anos de prisión para os 4 acusados polos delitos de trata de seres humanos, prostitución e favorecemento de inmigración ilegal.