Pouca neve e intensa sensación de frío no Cebreiro e Manzaneda
O vento do noroeste arrastra unha masa de aire frío desde Groenlandia
Á neve cústalle callar porque entremedias volve haber precipitacións de chuvia
Unha nevada no Cebreiro a estas alturas do ano non sorprende a ninguén, sobre todo se se está ben informado, coma os que este martes se achegaban ata alí para gozar da neve ou facer unha escala no seu Camiño.
As previsións auguraban que a partir da mañá podería haber precipitacións de neve ou de sarabia por riba dos 900 metros, e así é, pero de forma intermitente, e ás veces alternando con auganeve, o que fai que as folerpas non callen de todo.
As temperaturas oscilan entre cero e dous graos, pero o efecto do vento do noroeste que arrastra masas de aire de zonas frías fai que a sensación térmica por momentos sexa dalgúns graos baixo cero, cousa que non todos agardaban.
Na alta montaña de Ourense, a nevarada déixase notar de xeito máis evidente. Na contorna da estación de Manzaneda a neve chegou callar cun manto de tres a cinco centímetros, que anima a pensar que a apertura da temporada de esquí pode estar preto. Pero, de momento, nos próximos días non vai ser, porque as previsións seguen mantendo unha tónica de inestabilidade que intercala chuvia con neve.