Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portugal despenaliza o uso de drogas sintéticas

Portugal despenaliza o uso de drogas sintéticas

Tamén elimina o criterio da cantidade de dose á hora de diferenciar entre consumidor e traficante

O obxectivo é que os consumidores poidan recibir tratamento

G24.gal 31/08/2023 17:09

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, promulgou este xoves o decreto que despenaliza o consumo de drogas sintéticas e elimina o criterio da cantidade de dose á hora de diferenciar entre consumidor e traficante.

A Presidencia da República lusa divulgou nun comunicado que o mandatario promulgou o decreto dous días despois de recibir o visto e prace do Tribunal Constitucional.

O xefe de Estado luso derivara o texto ao Constitucional o 17 de xullo ao alegar que había "falta de consulta" ás rexións dos Azores e A Madeira, "sen prexuízo das reservas sobre unha cuestión de contido", cando esta norma abarca "serias implicacións de saúde pública, con recoñecidas especificidades rexionais".

O decreto foi elaborado a partir de dúas propostas dos socialistas, que teñen maioría absoluta, e do líder da oposición, o Partido Social Demócrata (PSD, centrodereita).

O obxectivo é diferenciar entre os traficantes e os consumidores e que estes poidan recibir tratamento, nun momento en que aumentaron as hospitalizacións psiquiátricas ligadas ao consumo de estupefacientes sintéticos, sobre todo nos arquipélagos da Madeira e dos Azores.

Este enfoque xa se aplica desde o ano 2000 en Portugal ás drogas clásicas, cunha política baseada en priorizar a saúde pública.

Para paralizar esta lei, o presidente do partido de ultradereita Chega, André Ventura, pediu este mércores ao PSD xuntar firmas para que o Constitucional volva revisar este decreto, aínda que nesta ocasión quere que se pronuncie "non sobre a cuestión da formación desta lei, senón sobre o propio contido".

"Desafiamos o PSD, por escrito, a xuntarse a Chega nunha petición de fiscalización sucesiva abstracta da constitucionalidade desta norma", informou Ventura en conferencia de prensa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade