Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portugal alcanza a incidencia máis alta dende marzo

Portugal alcanza a incidencia máis alta dende marzo

O Goberno recoñece que o número de probas tamén é o máis alto de toda a pandemia

As autoridades recoméndanlle aos portugueses que cancelen as xuntanzas de Nadal

Alberto Mancebo 13/12/2021 20:17

Portugal alcanzou este luns, 13 de decembro, a incidencia máis alta de covid dende o mes de marzo. Aínda así, a situación nos seus hospitais non é crítica. Estamos ante un escenario totalmente novo onde a incidencia pode ser alta, pero os falecementos por covid-19 están en mínimos e apenas hai presión asistencial nos centros sanitarios.

A Dirección Xeral da Saúde comunicou que a incidencia no país é de 485 casos por cada 100.000 habitantes. O Goberno apunta tamén que nunca antes se fixeron tantas probas diagnósticas e iso ten moito que ver tamén con este dato. A cifra esconde outra peculiaridade: un gran número de infectados son nenos, hai máis de 50 escolas con gromos por todo o país e o sábado comezarán a vacinar este grupo.

O Goberno rexional do norte de Portugal, pola súa banda, pídelles aos cidadáns que eviten as ceas e xantares de Nadal.

Portugal alcanzou esta pasada fin de semana unha nova marca de persoas ás que se lles fixo unha proba para determinar se están infectadas de covid-19. En concreto, o venres día 10 de decembro fixéronse 197.718 probas, das que 140.000 foron de antíxenos. Dos resultados tirouse unha positividade do 3,1 %. 

Desde que a pandemia chegou a Portugal, a Dirección Xeral da Saúde contabilizou que se fixeron 22 millóns de test, sen incluír as probas de antíxenos que os cidadáns poden facer nas súas casas. Portugal foi un dos primeiros países da Unión Europea en ter dispoñibles estas probas non só nas farmacias, senón tamén en supermercados. 

A media de positivos diarios detectados na última semana está entre os 3.000 e os 3.500 e subindo. Aínda así, a presión asistencial é moi baixa e tampouco preocupa a cifra de falecidos por causa do coronavirus, que continúa estable.

Este luns chegaron as primeiras vacinas infantís ao país e agárdase que comecen a administrarse o vindeiro sábado día 18 de decembro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar