Pontón: "Propoñemos unha fronte común para defender a frota en Bruxelas"
Ana Pontón afirmou que a UE leva anos traballando para eliminar a pesca en Galicia
A voceira nacionalista cre que hai que limitar os prezos da electricidade porque están afogando ás familias
O próximo domingo, día 25, o BNG está de aniversario. Son 40 anos de percorrido político, que comeza anos antes, alá polo 1960, e dende as eleccións de outubro de 1981 sempre con representación nas institucións. Este aniversario coincide cunha profunda crise económica, social e política.
Ana Pontón, voceira nacional do BNG, estivo no informativo Bos días, onde participou nunha entrevista. Pontón manifestou que o BNG foi unha forza política para os galegos e as galegas, que traballaron para impulsar transformacións e cambios sociais, e puxo como exemplo Pontevedra como un referente municipal.
"Estes 40 anos cóllennos no mellor momento político da nosa historia, cunha organización forte, unida, á que os galegos e as galegas nos situaron como alternativa fronte ao Partido Popular nas pasadas eleccións e cun reto importante: que cando se convoquen eleccións en Galicia sexamos capaces de producir un cambio político para que este país teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender os galegos e as galegas", destacou Pontón.
Impostos autonómicos
Sobre os impostos autonómicos e a proposta de harmonización que fixo este mércores María José Montero, a voceira nacionalista cre que "a dereita fai unha política contraria aos intereses da maioría social porque lles rebaixa os impostos aos máis ricos". Quixo pór como exemplo a rebaixa fiscal que fixo o PP en Galicia o ano pasado, onde segundo Pontón, eran moi diferentes segundo o nivel de ingresos.
"Unha persoa que cobra 12.000 euros ao ano ten unha rebaixa fiscal de 20 euros, pero as persoas con rendas superiores aos 60.000 euros teñen unha rebaixa fiscal de 500 euros", sentenciou Pontón.
Cre que deste xeito se están quitando recursos do sistema público para poder financiar a sanidade, a educación ou combater contra o cambio climático. "Nós defendemos que Galicia ten que ter maior capacidade para recadar os seus impostos porque o Estado recada a maioría dos impostos e logo fai unha distribución coa que nós non estamos de acordo", matizou a voceira nacionalista.
Dixo: "No BNG defendemos a capacidade fiscal plena para Galicia, que recademos os nosos impostos e os redistribuamos conforme as necesidades que ten o noso país para facer unha fiscalidade xusta".
Limitar prezos
En canto a se é partidaria de limitar os prezos, Pontón di: "Estamos nun momento extraordinario que require de medidas extraordinarias, polo que habería que limitar o prezo da electricidade porque isto está afogando miles de familias". Cre que é necesario acompañar a sociedade que o está pasando mal e referiuse á volta ao colexio como a máis cara dos últimos 40 anos e que a resposta do Goberno galego foi "ridícula".
"Nós o que defendemos é que nun momento como este hai que apostar polos servizos públicos e pola educación, por iso propoñemos que ten que haber unhas axudas extraordinarias: un paquete de bolsas por importe de 35 millóns de euros anticrise para as familias que menos teñen, que os libros de texto sexan gratuítos e cremos que hai que contratar máis profesorado", destacou Pontón.
Sanidade pública
Sobre a sanidade pública en Galicia, a voceira nacionalista afirmou: "Temos unha situación moi grave, con listas de espera para o médico de cabeceira, para enfermidades tan graves como a oncoloxía, e isto quere dicir que os recortes que se fixeron teñen unha repercusión sanitaria". Cre que este é un problema que vén de atrás e que Galicia é unha das comunidades autónomas que menos inviste.
"Faltan recursos, temos menos recursos en atención primaria que no 2009. Nós o que propoñemos é que ten que haber un cambio na política sanitaria e que hai que destinar, como mínimo, un 2,2 % máis en atención primaria, arredor duns 260 millóns de euros máis", afirmou Pontón.
Frota pesqueira
Outro tema do que se falou durante a entrevista foi a decisión da Unión Europea de vetar a pesca de fondo. Pontón cre que a Unión Europea leva moitos anos traballando para eliminar a pesca de Galicia e que isto se fixo coa complicidade tanto do PP como do PSOE.
Manifestou que nin o Goberno galego nin o central fixeron os deberes e que é importante que haxa unha fronte común para defender os intereses da pesca galega e que se reclame que ese regulamento quede sen efecto.
Eleccións
O próximo ano haberá eleccións municipais e xerais, e Pontón cre: "Hai ganas de cambio e comprobo que a Xunta é incapaz de tomar decisións para axudar ás persoas que peor o están a pasar". Segundo a voceira nacionalista: "Cremos que no BNG hai unha expectativa de cambio e que hai unha forza política como é o BNG que está en ascenso e que vamos deixar a pel para que haxa un goberno coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas".
Xa para rematar, Pontón cre que a derrogación do voto exterior vai garantir a participación dos emigrantes galegos e que "non se pode volver a un sistema que supoñía falta de transparencia e intoxicaba o funcionamento democrático".