Publicador de contidos

Publicador de contidos

O cumio Trump-Putin non se celebrará nun "futuro inmediato", segundo a Casa Branca

O cumio Trump-Putin non se celebrará nun "futuro inmediato", segundo a Casa Branca

Trump afirmara días antes que o encontro se celebraría “moi pronto” en Budapest

Zelenski e varios líderes europeos apoian a proposta de Trump para un cesamento do fogo en Ucraína

G24.gal 21/10/2025 22:12

A Casa Branca confirmou que o cumio que estaba previsto entre o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e o seu homólogo ruso, Vladímir Putin, en Budapest non se celebrará “nun futuro inmediato”.

O anuncio chega poucos días despois de que o mandatario estadounidense afirmase que a reunión tería lugar “moi pronto”.

Segundo un comunicado oficial, “o secretario Rubio e o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, mantiveron unha conversación telefónica produtiva.

Non é necesaria unha reunión presencial adicional entre ambos, e non hai plans para que o presidente Trump se reúna co presidente Putin a curto prazo”, indicou un portavoz da Administración.

Conversas diplomáticas e adiamento da cita

O cumio, para o que non se fixara data, foi posposto despois dunha conversa entre os xefes da diplomacia estadounidense e rusa, na que trataron os preparativos do encontro.

Trump insistira nos últimos días en que pretendía reunirse co líder ruso en dúas semanas en Hungría.

Mentres, Rusia descartou un cesamento do fogo en Ucraína e sostivo que antes de poñer fin á guerra deben abordarse as causas orixinais do conflito, en referencia ás aspiracións de Kiev de ingresar na OTAN e á defensa dos dereitos dos rusfalantes.

Lavrov sinalou en rolda de prensa que “o importante non é o lugar nin os prazos do próximo cumio, senón avanzar no acordado e no amplo entendemento alcanzado en Alasca”. O ministro engadiu que un cesamento das hostilidades sería unha “contradición” co pactado en agosto e acusou os europeos de tentar convencer a Washington de modificar a súa posición.

O pasado venres, Trump recibiu na Casa Branca o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, despois dunha chamada telefónica con Putin.

Ambos coincidiron na necesidade de reducir as tensións entre Kiev e Moscova e buscar un acordo que poña fin á guerra. Segundo o Financial Times, o encontro foi tenso e Trump tentou convencer a Zelenski de aceptar as esixencias territoriais de Putin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade