Pontevedra promove a posta en valor da ponte medieval do Burgo
A actuación prevista polo Concello prevé frear a progresiva degradación desta estrutura e darlle maior visibilidade
Reaizaranse ademais novas escavacións na busca de achados arqueolóxicos e faranse visitas guiadas
Pontevedra vai revitalizar un dos achados arqueolóxicos máis importantes da cidade: os restos da ponte medieval do Burgo. A actuación prevista polo Concello prevé frear a progresiva degradación desta estrutura e darlle maior visibilidade.
A ponte do Burgo data do século XII e foi o nó de comunicación máis importante da antiga Gallaecia. Pero os restos visibles, os arcos 14 e 15, un anaco do antigo pantalán e da muralla medieval, levan máis dunha década apuntalados e cubertos con plásticos para evitar a súa deterioración. O Concello de Pontevedra acaba de presentar un proxecto de conservación para poñelo en valor.
O conxunto arqueolóxico está protexido por un enreixado metálico que dificulta a súa visión. Vaise retirar e mellorar a sinaléctica. Unha intervención que os pontevedreses aplauden.
Reaizaranse ademais novas escavacións na busca de achados arqueolóxicos e faranse visitas guiadas para dar a coñecer esta parte da historia de Pontevedra. Toda a actuación está pendente do permiso da Dirección Xeral de Patrimonio.