Pontedeume Vila do Libro celebra a literatura en cada recuncho da zona vella
Librerías efémeras e encontros cos autores na segunda edición deste festival literario
Durante tres días Pontedeume celebrou o libro como vehículo de ideas e a literatura como ferramenta para dinamizar a economía local. A segunda edición de Pontedeume Vila do Libro propiciou o encontro entre os autores e encheu con palabras espazos deshabitados. Todo sen perder de vista a figura sobranceira de Castelao, no seu setenta e cinco cabodano.
Ximena escolleu un libro de pictogramas poéticos para xogar coa rima, o ritmo e a melodía. A súa nai mercoullo nunha das librerías efémeras que durante tres días ocuparon con propostas literarias espazos que levaban moito tempo pechados.
"Queremos que a xente e que os visitantes reimaxinen Pontedeume como un lugar centrado no mundo da literatura e que o turismo cultural xire ao redor do mundo dos libros", explica Enric Bono, impulsor deste proxecto
Os libros iluminaron antigas tendas, apagadas co devagar do tempo. Onde noutrora houbo sombreiros, atendeu Xosé Sánchez, o único libreiro que queda en Pontedeume.
"Cando abriron os meus pais chegou a haber tres e hai un par de anos quedamos nós sós, foron pechando e agora unicamente estamos nós", conta.
Ás portas desta librería que mañá xa non será tal conversan cos seus lectores un grupo de autores de Ferrolterra que se asociaron para axudarse a florecer no mundo literario.
"Aquí achegamos a literatura aos lectores, que poden poñernos cara e falar con nós, ver de que tratan os nosos libros e levar a nosa sinatura", detalla a escritora Isabel Ramos.
Tamén participaron editoriais galegas, como o proxecto independente Cuarto de Inverno. Pontedeume Vila do Libro foi lugar de encontro de autores, escenario de charlas, debates e recitais poéticos, unha proposta coas palabras no centro como ferramentas para imaxinar e crear un futuro máis humano.