Polo menos seis mortos e ducias de feridos nun atropelo multitudinario nun Entroido en Bélxica
Entre os falecidos hai cando menos un menor
Polo menos seis persoas faleceron e unha vintena quedaron feridas tras arremeter un vehículo contra un grupo que celebraba unha festa do Entroido esta madrugada na localidade de Strépy-Bracquegnies, no concello de La Luvière, ao sueste de Bélxica.
O atropelo sucedeu contra as 5:00 da mañá.
"O turismo impactou a gran velocidade contra unha multitude e o seu condutor intentou fuxir do lugar pero lograron interceptalo", explicaba o alcalde da localidade.
A policía investiga as circunstancias que ocasionaron a traxedia e arrestou dous sospeitosos que viaxaban no vehículo implicado.
As testemuñas aseguraron que un coche que apareceu de súpeto na zona arrasou ducias de persoas que acompañaban un grupo de Gilles, un persoeiro tradicional do Entroido de Binche, unha celebración que xa recibiu o recoñecemento como Patrimonio Mundial da Humanidade.
O grupo que recibiu o impacto era dunhas 150 persoas que facían o seu percorrido habitual pola cidade nestas festas de Entroido.