Polémica en Rianxo pola desaparición dun retablo barroco da ermida de San Xoán do Araño
Alguén reparou na falta do retablo e enviou as fotos á Asociación pola defensa do Patrimonio, Apatrigal, que o puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio
No seu lugar, alguén pintou a parede e colocaron un crucifixo
O silencio reinaba esta mañá ao redor da ermida de San Xoán do Araño. O mesmo que manteñen os veciños acerca da sorte que correu o retablo que presidía o altar da capela. Unha peza do barroco que estaba catalogada e que ten gran valor artístico. Ana Castro, taxadora de arte e antigüidades avalíaa nuns 20.000 euros.
Alguén reparou na falta do retablo e enviou as fotos á Asociación pola defensa do Patrimonio, Apatrigal, que o puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio. No seu lugar, alguén pintou a parede e colocaron un crucifixo.
Fóra de cámara veciños da zona confirmaron que foron os propios fregueses os que retiraron o retablo polo seu estado de deterioración. Unha decisión desacertada, segundo os expertos, pero que pon de relevo a falta de recursos para conservar o extenso patrimonio, sobre todo eclesiástico do país.
O párroco declinou facer declaracións sobre o destino do retablo e no lugar defenden a decisión de retiralo pola falta de recursos para restauralo.