Polémica en Cangas pola anulación das procesións de Semana Santa
As confrarías non entenden a decisión do párroco de suspender os actos relixiosos na rúa
Enfado e indignación nas cinco confrarías de Cangas de cara á celebración da Semana Santa. Tras dous anos sen saír pola pandemia, din que o párroco decidiu anular as procesións na rúa para garantir a seguridade.
Unha decisión que non entenden as confrarías e tampouco os sectores da hostalería e do comercio, que xa encheron de carteis os seus establecementos. Consideran que é un duro pau para o concello e para unha tradición relixiosa de moitos anos.
O propio cura, fóra de cámara, non quixo desvelar os verdadeiros motivos desta decisión. Algúns confrades non entenden porqué se celebrou a procesión da Candeloria en febreiro nos exteriores da igrexa pero suspéndense as procesións de Semana Santa.
Pendentes dunha nova xuntanza, confrarías e colectivos sociais presentarán no pleno municipal da vindeira semana unha proposta institucional a prol da Semana Santa na rúa.
