Publicador de contidos

Publicador de contidos

O aval da Xunta para comprar vivienda protexida, sen límite de idade desde marzo

O aval da Xunta para comprar vivienda protexida, sen límite de idade desde marzo

Un aval que, segundo destacou, "ademais" será compatible coas axudas á compra xa existentes e que poden chegar, segundo as cifras da consellería, ata os 20.000 euros para os menores de 36 anos

A lei galega de IA, que a oposición considera unha "tirita", supera o seu primeiro trámite

G24.gal 11/02/2025 08:05 Última actualización 11/02/2025 13:26

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, anunciou que a partir do próximo mes de marzo a Xunta ampliará o seu denominado 'Aval Mozo' para que os adquirintes dunha vivenda protexida, "sen límite de idade", poidan acceder ao préstamo hipotecario polo 100 % do prezo da vivenda.

Un aval que, segundo destacou, "ademais" será compatible coas axudas á compra xa existentes e que poden chegar, segundo as cifras da consellería, ata os 20.000 euros para os menores de 36 anos.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, Allegue reivindicou estar "a avanzar a un altísimo ritmo" nos compromisos do Goberno de Alfonso Rueda en materia de vivenda, e asegura estar "a cumprir os fitos fixados".

Respecto diso, cifrou en 200 millóns os euros "xa licitados", con "algo máis de 2.000 vivendas de promoción pública en marcha, en distintas fases". En concreto, sinalou que son 2.082 as vivendas "en marcha". Delas, 832 "xa teñen obra licitada" e "moitas delas" adxudicada e iniciada a execución, segundo dixo. Outras 982 novas vivendas teñen, segundo a conselleira, o proxecto licitado e 268 están "a punto" de licitalo "estas próximas semanas"

A lei galega de IA, que a oposición considera "unha tirita", supera o seu primeiro trámite

O proxecto de lei de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA) superou este martes o seu primeiro trámite parlamentario no pleno, ao ser rexeitadas polo PPdeG as dúas emendas de devolución da oposición, que considera esta normativa "unha tirita", porque é "pouco ambiciosa" e constitúe unha "oportunidade perdida".

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, foi o encargado de defender o texto lexislativo da Xunta, que "asegura e salvagarda os dereitos das persoas, mellora a eficacia da administración e a súa relación coa cidadanía, e consolida a Galicia como unha rexión de referencia na UE" nesta materia de IA.

Trátase dunha lei con 75 artigos repartidos en 5 títulos que establece os principios que van rexer a actuación da administración galega para "o uso responsable da intelixencia artificial", para o que se creará a figura dunha Comisionado de IA, así como unha oficina de información, unha comisión estratéxica e un consello galego de IA.

Corgos asegurou que é unha "lei garantista" porque garante "a supervisión humana" de todos os procesos da administración pública e unha "oportunidade única para situar a Galicia como líder no desenvolvemento e o uso da IA", xa que é a "primeira rexión europea" en regular por lei nesta materia.

Con todo desde a oposición, tanto o BNG como o PSdeG presentaron senllas emendas de totalidade e reclamaron a devolución do texto á Xunta para ser reelaborado. Polo BNG, o deputado Daniel Castro criticou a "falta de ambición" desta norma, que si que considera necesaria dado o momento histórico e o impacto que está a ter a IA nas persoas, pero que considera como "querer tapar unha ferida moi grande cunha tirita".

Castro, que usou unha ferramenta de IA tanto para as palabras do inicio da súa intervención como para o final, lamentou que esta lei só vai servir para que a Xunta teña "un titular moi chulo, moi guapo", pero é "triste que non queira profundar en absoluto" en cuestións tan importantes como o ámbito empresarial, lingüístico e creativo.

Tamén o deputado do PSdeG Julio Abalde dixo que a lei parece feita "con moita présa e presenta moitas carencias" e reprochou que a Xunta, con este texto, só quere "cumprir ese obxectivo propagandístico de aprobar unha lei" que é "pouco ambiciosa" no seu contido.

"Unha oportunidade perdida"

Por iso, asegurou que é "unha oportunidade perdida", xa que só aspira a regular as actuacións da administración e o sector público e non dar o "salto cualitativo" que o uso e impulso desta tecnoloxía tan importante. Para os grupos da oposición esta lei non inclúe ningún mecanismo ou ferramenta para protexer realmente á cidadanía do mal uso da IA, á parte de que non regula nada respecto á propiedade intelectual ou medidas para a protección do galego no uso desta nova tecnoloxía, senón só unha "declaración de intencións".

O deputado do PPdeG Julio García Comesaña rexeitou estas críticas e destacou que se establece entre as finalidades da lei "garantir o uso normal do galego no desenvolvemento da IA" e tamén os dereitos dos cidadáns, con medidas como establecer unha "supervisión humana" para os procesos que así o necesiten.

"É unha boa lei", afirmou García Comesaña, quen apuntou que se trata dun texto que agora ten que seguir a súa tramitación parlamentaria e "ten capacidade para ser mellorado" durante este proceso.

Nova deputada do PPdeG

Por outra banda, ao comezo do pleno tomou posesión do seu escano a nova deputada do PPdeG pola provincia da Coruña, Magdalena Pérez Millares, que xurou o seu cargo, no que substitúe a Pablo Prieto, quen deixou o Parlamento para pasar a ser presidente da Federación galega de fútbol.

Pérez Millares (Porto do Son) é licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela e conta co Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística. Concelleira delegada de Réxime Interior, Persoal e Administración no Concello de Porto do Son desde xullo de 2024, foi anteriormente a responsable no mesmo concello da área de Benestar Social e Igualdade, Educación e Sanidade entre 2015 e 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade